UNHA MANTIS RELIXIOSA "PESCADORA"
Hierodula tenuidentata comendo Poecilia reticulata da cola mentres o peixe aínda está vivo e respira na auga / Imaxe: R. Puttaswamaiah/jor.pensoft.net
As mantis relixiosas (Hierodula tenuidentata) parecen sacadas dunha película de alieníxenas. O seu inquietante plan corporal e unha visión sofisticada permítenlles capturar presas cunha eficacia aterradora. Algúns exemplares xa foran observados alimentándose de vertebrados, como aves pequenas, lagartixas, ras, tritóns, ratos, serpes e tartarugas. Pero na súa maioría, estes sucesos non foron validados cientificamente ou producíronse baixo circunstancias inducidas e manipuladas polo home.
Con todo, non existían datos científicos de que as mantis pescasen e devorasen peixes ata este recente estudo publicado na revista Journal of Orthoptera Research. O ano pasado, un equipo de investigadores observou a un macho adulto cazando e alimentándose de guppys (Poecilia reticulata), unha especie de auga doce moi habitual nos acuarios polos seus fáciles coidados, nun estanque situado nun xardín privado en Karnataka (India). Curiosamente, o depredador regresou cinco días seguidos e capturou un total de nove peixes (un mínimo de dous por día). Para alcanzar ás súas presas, o insecto camiñaba sobre as follas dos nenúfares e as leitugas de auga que crecen na superficie do estanque.
Ademais de ser a primeira observación deste tipo, os investigadores cren que este estraño comportamento ten implicacións no que coñecemos sobre as mantis.
En primeiro lugar, o feito de que estes insectos cacen vertebrados fóra das gaiolas nos laboratorios confirma que unha soa especie de invertebrado é capaz de ter impacto en todo un ecosistema. Neste caso, unha mantis aliméntase de guppys que, á súa vez, aliméntanse de insectos acuáticos.
En segundo lugar, o descubrimento cuestiona o coñecemento previo sobre as habilidades visuais das mantis. Mentres que a estrutura dos seus ollos indica claramente que evolucionaron para cazar á luz do día, o espécime masculino estudado demostrou ser un excelente cazador na escuridade. O insecto logrou atrapar aos nove peces á tardiña ou a altas horas da noite.
Ademais de visuais, as mantis tamén poden desenvolver impresionantes habilidades de aprendizaxe. Os investigadores especulan que o comportamento repetitivo observado podería ser o resultado da experiencia persoal. As habilidades cognitivas sofisticadas, doutra banda, poderían permitir á mantis desenvolver as súas estratexias de caza.
FONTE: abc.es/ciencia
0 comentarios