ATOPAN O XEMELGO DO SOL: HD 186302
Fotografía del Sol / NASA/abc.es
As estrelas nunca, ou case nunca, nacen soas. Moi ao contrario, fano en grupos (que poden chegar a ser de miles de membros) e case sempre acompañadas dun xemelgo, outra estrela idéntica formada ao mesmo tempo e a partir dos mesmos materiais, no interior das xigantescas nubes de po e gas que coñecemos como «sementeiros estelares». Non en balde, a inmensa maioría das estrelas (o 85 % delas) pasan as súas vidas «en parella», unidas gravitatoriamente a unha «irmá», ou mesmo a máis dunha, en sistemas triplos ou cuádruplos. E ata o 50% das estrelas do mesmo tipo que o Sol viven en sistemas binarios. O noso Sol solitario, pois, podería considerarse como un auténtico «bicho raro» dentro da nosa galaxia.
Con todo, moitos investigadores pensan que a nosa estrela particular non sempre estivo soa, senón que tamén naceu, hai 4.570 millóns de anos, xunto a outras «irmás». E que parte da súa existencia transcorreu, ademais, nun sistema binario, xunto a unha desas irmás. Algún evento cósmico debeu separar despois á que podemos considerar a nosa «familia estelar», deixando ao noso Sol brillando en solitario sobre os mundos do noso sistema. Por iso, os científicos están convencidos de que aí arriba, nalgún lugar, o xemelgo do Sol espera a ser descuberto. E agora, un equipo de astrónomos liderado por investigadores do Instituto de Astrofísica e Ciencias do Espazo de Portugal ( IA) acaba de anunciar en Astronomy & Astrophysics que atopou a ese xemelgo. Chámase HD 186302 e está a 184 anos luz da Terra.
Sabemos xa desde hai tempo que os irmáns do Sol están «aí fóra», aínda que resultan realmente difíciles de atopar xa que, segundo escriben os investigadores, «esténdense amplamente por toda a galaxia». Ata a data, en efecto, apenas un puñado de candidatos a ser irmáns do Sol han podiso ser identificados. Pero o equipo do IA emprendeu a súa procura equipado con ferramentas moito máis sofisticadas e potentes que as utilizadas con anterioridade. E tamén contou cunha mostra de estrelas moito maior, proporcionada polo satélite europeo Gaia.
O resultado foi o achado de HD186302, unha estrela que non só é irmá do Sol, senón que se parece a el como se parecen dúas pingas de auga. Trátase, en efecto, dunha estrela de tipo G, que está na secuencia principal (é dicir, que queima hidróxeno), ten a mesma temperatura e luminosidade que o Sol e conta cunha química case idéntica, ademais de ter practicamente a mesma idade, 4.500 millóns de anos. Unha serie de coincidencias que superan, con moito, á estrela do tipo F HD162826, identificada en 2014 como irmá do Sol.
Os astrónomos do IA afánanse agora en buscar calquera sinal que revele a presenza dun planeta ao redor de HD186302, o xemelgo do Sol xa que resulta plausible que os planetas que orbitan ao redor doutras estrelas e que teñan as mesmas calidades (irmáns estelares), sexan igualmente capaces de permitir o desenvolvemento da vida.
FONTE: Jose Manuel Nieves/abc.es/ciencia
0 comentarios