Blogia
vgomez

AXÚDAME3D

 

Hai decisións que che cambian a vida. Momentos que, ás veces sen sabelo cando ocorren, marcan un antes e un despois. Guillermo Martínez, enxeñeiro madrileño, ten claro cando foi o seu. É completamente consciente e ten, ademais, gravado na memoria o día en que ocorreu: foi cando descubriu na internet as impresoras 3D e decidiu comprarse unha. En principio a súa nova adquisición ía servirlle para fabricar xoguetes, a súa gran paixón, pero aquela primeira impresora era, en realidade, o xerme dunha idea que ía cambiar non só a vida de Guillermo, senón a de moita outra xente a miles de quilómetros de distancia.

Na web de Axúdame3D, a organización fundada por Guillermo Martínez, aparece como lema “axudar é demasiado fácil como para non facelo”. Unha frase que, el mesmo recoñece, hai apenas uns meses só lle impulsaría a darlle un like en Twitter. Agora, en cambio, repítea constantemente e é un dos motores da súa vida. E é que con aquela impresora 3D coa que imprimía vasos ou flores, rematou fabricando próteses para persoas que non teñen brazos. A idea xurdiulle pouco antes dunha viaxe de voluntariado a Kenia ao terminar os estudos; por entón Guillermo xa empezara a  trastear con mans impresas, obtendo os  tutoriales e axuda necesarios a través de Internet porque quería darlle unha utilidade maior á súa impresora. “Tiña unha chea de mans na miña casa e non sabía que facer con elas. Entón falei cos coordinadores do  orfanato que ía visitar en Kenia e buscáronme varios candidatos pola zona que necesitasen estas próteses” explica Guillermo. O seguinte paso foi adaptar os deseños ás necesidades da xente que ía utilizar as súas próteses. E aquilo foi o comezo de Axúdame3D.

Pasou algo máis dun ano desde aquela primeira viaxe, pero a vida de Guillermo xa non será nunca igual. Grazas a el agora hai unha manchea de nenos e maiores que poden desenvolverse con maior facilidade. A súa idea foi, ademais, recoñecida cun premio (o primeiro que consegue un español) no Foro Mundial da Mocidade celebrado en novembro en Exipto e onde puido mostrar o seu proxecto aos máis de tres millóns de persoas que seguiron o evento por Internet. Os plans de Guillermo pasan agora por ampliar a súa organización para poder axudar a máis xente, o que significa por unha banda aumentar a rede de contactos e voluntarios (xente que queira deseñar ou imprimir) e, por outro, recadar fondos. Pero, ademais, tamén está centrado en divulgar o seu traballo nas escolas para ensinar aos máis pequenos a través de talleres e charlas que, con imaxinación e o coñecemento compartido ao que se accede a través de Internet, é posible cambiar cousas neste mundo. Unha misión para a que sente preparado porque, como afirma na súa conta de Twitter: “Unha gran tecnoloxía comporta unha gran responsabilidade”.

Unha boa idea solidaria!

FONTE: José  L. Álvarez  Cedena/elpais.com

0 comentarios