AZUCRE
J. M. Mulet é profesor de Biotecnoloxía na Universidade Politécnica de Valencia (UPV) e investigador do Instituto de Bioloxía Molecular e Celular de Plantas, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da UPV. No seu último libro, ‘Que é comer san?’, analiza cientificamente e desmonta os mitos máis estendidos sobre nutrición. É máis saudable a panela que o azucre? Necesitan os nenos un aumento no consumo de glicosa para mellorar o seu rendemento escolar? Ambas as afirmacións son falsas, con datos científicos sobre a mesa. Divulgador de temas relacionados con alimentación, biotecnoloxía e ciencia a través de colaboracións habituais en medios de comunicación e do seu blogue ‘Tomates con xenes’, Mulet tamén é autor de títulos como ‘Comer sen medo’, ‘Os produtos naturais, vaia timo!’ e ‘Medicina sen enganos’. “Entre os mitos máis estendidos temos a crenza de que ‘antes comíase mellor que agora’, cando antes tiñamos bocio ou pelagra, por déficit de iodo e vitaminas. Agora nun supermercado podes atopar alimentos de todo tipo para manter unha dieta equilibrada. Fixarse no que levan os nenos na mochila á escola. Cantas laranxas, mazás, plátanos vemos e cantos produtos lácteos e bolería? É un problema de educación. Crear bos hábitos de alimentación desde pequenos é un investimento en saúde máis valioso que pagarlle clases de inglés ou de música”, sinala o investigador.
0 comentarios