REAPARECE O CERVO RATO DE VIETNAM, DESPOIS DE 30 ANOS
Unha esquiva especie de ungulado parecido a un cervo que se cría perdido para a ciencia foi descuberto na natureza. O último rexistro coñecido do cervo rato de Vietnam era un exemplar sen vida cazado en 1990. Agora, os investigadores fotografárono con vida por primeira vez en 30 anos.
A ecorrexión do Gran Annamita en Vietnam e Laos é unha das áreas con maior diversidade ecolóxica do mundo. En 1910 foi descrito por primeira vez o cervo rato (Tragulus versicolor) preto da cidade de Nha Trang en Vietnamna. A criatura, duns poucos quilos de peso, parecía sacada dun conto de fadas. Con todo, desde entón non se confirmaron avistamentos validados cientificamente, e temíase que os altos niveis de caza con trampas na rexión puidesen levala ao bordo da extinción.
O cervo rato de Vietnam atopábase entre as 25 especies perdidas «máis buscadas» da Global Wildlife Conservation. Nun esforzo por localizala, os investigadores da organización realizaron entrevistas con persoas locais en tres provincias vietnamitas para identificar avistamentos do animal consistentes coas descricións científicas. Despois, segundo describen na revista Nature, colocaron máis de 30 trampas de cámara activadas por movemento dentro dun hábitat boscoso próximo.
Despois de seis meses de capturas de imaxes, os autores identificaron máis de 200 deteccións independentes do cervo rato. É un número sorprendente, aínda que se descoñece a cantidade de individuos distintos que isto representa. Os autores conclúen que aínda que a especie pode considerarse como «redescuberta» para a ciencia, as declaracións dos nativos indican que para eles esta especie nunca se considerou perdida.
Os autores suxiren que se necesitan investigacións máis intensivas e o compromiso coas comunidades locais para establecer o tamaño da poboación da especie e garantir que se intensifiquen os esforzos para axudar a conservala.
FONTE: abc.es
0 comentarios