EXTRAER OSIXENO DO PO LUNAR
Xa sabemos que a lúa da Terra non ten atmosfera, o que claramente supón un obstáculo para os futuros astronautas, polo que é crucial descubrir de que forma obter o prezado osíxeno no noso satélite, xa que non podemos contar con cargar de osíxeno as misións espaciais, sería inviable, por iso é polo que sexa imperativo producilo alí mesmo. Agora, un equipo de científicos da Axencia Espacial Europea creou un dispositivo prototipo que pode producir osíxeno a partir do po lunar (algo do que si hai moito).
Se en 2019 os científicos publicaron un artigo sobre como extraer o osíxeno dun simulador de po de lúa (máis coñecido como regolito lunar); neste 2020, o primeiro prototipo extractor de osíxeno está listo para tentalo a maior escala no Centro Europeo de Investigación e Tecnoloxía Espacial nos Países Baixos.
O regolito lunar foi estudado a conciencia desde que as misións Apolo trouxeron mostras. Máis tarde, realizando enxeñería inversa no devandito material, os científicos imaxinaron que se poderían construír bases con ladrillos enfornados de regolito e mesmo usándoos para almacenar calor durante as longas noites lunares. Ditas investigacións revelaron que o osíxeno, afortunadamente, é o elemento máis abundante no regolito da Lúa: o 40-45% do seu peso. O problema é que non está exactamente en forma transpirable, pois o osíxeno está encerrado dentro de minerais de óxido.
Os intentos no pasado de extraer o osíxeno do regolito lunar deron malos resultados, sendo un proceso demasiado complexo e con pouco rendemento final. Con todo, o método actual utiliza unha técnica chamada electrólise de sales fundidos co que se pode extraer ata o 96% do osíxeno.
O proceso funciona da seguinte forma: primeiro, colócase o regolito nunha canastra forrada de malla. Agrégase cloruro de calcio, o electrolito, e a mestura quéntase a ao redor de 950 º C, unha temperatura que non funde o material. Tras isto, aplícase unha corrente eléctrica que permite extraer o osíxeno e conducir o sal a un ánodo, onde pode eliminarse facilmente. E voilà: xa temos osíxeno respirable. Esta versión pode utilizarse como proba de concepto e, cun maior refinamento, algún día poderíase enviar un dispositivo similar á Lúa para axudar a manter unha colonia sustentable.
Por se isto fose pouco, o proceso de electrólise ten outro subproducto útil: aliaxes metálicas das que tamén poderían facer bo uso os astronautas.
O equipo está a buscar deseñar unha "planta piloto" que puidese estar operativa na Lúa a mediados da década de 2020 extraendo regolito lunar real e non o simulado, que é co que estiveron traballando e ten a mesma composición que o real pero non é tan valioso como iste. Lembremos que, en certo xeito, o tempo aprema, pois en 2024 o home volverá pisar a superficie da Lúa e este acontecemento será só o principio dunha nova era espacial.
FONTE: Sarah Romero/muyinteresante.es
0 comentarios