Blogia
vgomez

CATARATAS DE SANGUE



Os glaciares, esas inmensas masas ou ríos de xeo que baixan polas ladeiras das montañas das zonas máis frías do planeta, conteñen basicamente auga. Con todo, algúns deles arrastran tamén un bo número de rochas e minerais que poden alterar o seu aspecto, normalmente branco azulado. Por exemplo, na Antártida hai unha paraxe regada por torrentes de cor avermellada coñecidos como cataratas de sangue.

Este fluído carmesí xorde como dunha ferida aberta desde as entrañas do glaciar Taylor, nomeado así en honra do xeógrafo e explorador australiano Thomas Griffith Taylor, membro da expedición de Scott ao Polo sur de 1911. El foi o primeiro en admirar esta singular paisaxe na rexión antártica dos Vales Secos de McMurdo, que conforman unha das zonas máis áridas do mundo. Alí apenas hai precipitacións e a ausencia de xeo nalgúns puntos deixa ao descuberto un terreo desértico. A estrutura do glaciar, que alcanza 54 quilómetros de longo e 400 metros de espesor, non está totalmente conxelada.

A parte sólida cabalga sobre un lago cuxas augas posúen unha concentración de sal catro veces superior á dos océanos, ademais de moito ferro. Inicialmente os científicos que investigaron este fenómeno pensaban que a cor vermella proviña dunha poboación de algas, pero o certo é que se debe á abundancia do metal: cando o líquido sae ao exterior, o ion ferroso oxídase ao contacto coa atmosfera, e os seus óxidos –pouco solubles– deposítanse na superficie.

A zona de salmoira subxacente ten entre 1,5 e 2 millóns de anos de antigüidade e aloxa un rico ecosistema de bacterias autótrofas que metabolizan os ións de xofre e ferro. A  microbióloga da Universidade de Tennessee Jill Mikucki foi a responsable do achado. Segundo as análises de laboratorio, estes organismos  microscópicos usan o sulfato como catalizador na respiración, toman ferro na súa forma férrica – insoluble– e transfórmano en ferroso –soluble en auga– usando como fonte de enerxía a materia orgánica enterrada xunto a eles.

Mikucki e o seu equipo foron os primeiros en observar o fenómeno na natureza. Debido ao seu illamento, os microorganismos evolucionarían á marxe do exterior, diferenciándose das bacterias similares que habitan os océanos.

FONTE: Luis Otero/muyinteresante.es/curiosidades

0 comentarios