Blogia
vgomez

RECOÑECEMENTO INTERMODAL DAS ABELLAS

Unha abella resolvendo a tarefa de recoñecer a mesma forma (unha esfera) na escuridade cando podía sentila pero non vela / Lars Chittka

Os seres humanos somos capaces de atopar obxectos co tacto na escuridade grazas á complexidade do noso cerebro, que almacena información de tal maneira que pode ser recuperada por diferentes sentidos. Esta integración multisensorial permítenos formar imaxes mentais do mundo e apontoa a nosa conciencia. É unha habilidade bastante excepcional, xa que este recoñecemento visión-tacto só compartímolo con simios, monos e ratas, mentres que os golfiños utilizan a visión e o oído e algúns peixes, a visión e o sentido eléctrico.

Pois resulta que semellante fazaña cognitiva está presente no pequeno cerebro dun insecto.

Investigadores da Universidade Queen Mary de Londres e a Universidade Macquarie en Sydney descubriron que as abellas tamén poden atopar obxectos na escuridade que antes só viran.

Á luz, pero sen poder tocar os obxectos, os abellóns foron adestrados para atopar auga azucrada nun tipo de obxecto (cubos ou esferas) e unha solución de quinina amarga na outra forma. Cando foron postos a proba na escuridade, preferiron o obxecto que anteriormente era gratificante, e pasaron máis tempo explorándoo.

As abellas tamén resolveron a tarefa ao revés. Despois de que aprendesen a atopar unha forma particular na escuridade, foron postas a proba á luz e novamente preferiron a forma que aprenderan que era gratificante só co tacto.

Esta capacidade chámase recoñecemento intermodal e permítenos percibir unha imaxe completa do mundo con ricas representacións, explican os autores na revista Science.

"Hai moito que sabemos que as abellas poden lembrar as formas das flores. Pero un teléfono intelixente pode recoñecer a súa cara, por exemplo, e faio sen ningunha forma de conciencia. O noso novo traballo indica que algo está a suceder dentro da mente das abellas que é completamente diferente dunha máquina, que as abellas poden evocar imaxes mentais de formas", indican os autores do estudo.

Para os investigadores "esta é unha fazaña incrible se se considera o tamaño minúsculo do cerebro dunha abella. Investigacións futuras dos circuítos neuronais subxacentes a esta habilidade nas abellas poden algún día axudar a revelar como nosos propios cerebros imaxinan o mundo".

FONTE:abc.es/ciencia

0 comentarios