POLÉMICA CIENTÍFICA: HEMOLITINA, UNHA PROTEINA EXTRATERRESTRE?
Este é o modelo da hemolitina, a estraña proteína extraterrestre achada no interior dun meteorito. Arriba, o modelo en 3D: No centro, a estrutura das súas moléculas; Abaixo, ampliación dun dos extremos con átomos de ferro (verde), osíxeno (vermello) e litio (laranxa). O hidróxeno aparecer en branco, o carbono en gris e o nitróxeno en azul / arXiv:2002.11688
Un equipo de investigadores da Universidade de Harvard e as institucións privadas Plex Corporation e Bruker Scientific LLC asegura atopar, no interior dun meteorito, unha proteína cuxa estrutura nunca fora vista ata o de agora. É dicir, unha proteína extraterrestre. Se o achado confírmase, sería un novo e importante paso cara á procura de vida fóra da Terra e tamén unha valiosa pista para pescudar como xurdiron os primeiros seres viventes no noso planeta.
A investigación, recentemente publicada no servidor ArXiv, suscitou tanto entusiasmo como dúbidas na comunidade científica.
En ocasións anteriores, distintos grupos de científicos xa atoparan en cometas e meteoritos materia orgánica, azucres e outras moléculas, incluso aminoácidos, consideradas como precursores da vida. Pero ata o momento ninguén atopara unha proteína, algo moito máis complexo, no interior dunha roca extraterrestre.
Agora, estes investigadores, aseguran descubrir unha proteína chamada hemolitina no interior dun meteorito caído en Alxeria en 1990. A hemolitina, segun explícase no estudo, era pequena e estaba composta principalmente de glicina e outros aminoácidos, e contiña átomos de osíxeno, litio e ferro nos seus extremos, unha disposición nunca observada ata o momento en ningunha proteína coñecida.
O artigo de ArXiv aínda non foi revisado por pares, un proceso de validación habitual en Ciencia que consiste en enviar, antes da súa publicación nunha revista, o traballo a outros científicos para que o comproben. Pero se o achado confírmase, converterase nunha peza fundamental do crebacabezas que supón a orixe da vida no noso planeta.
As proteínas, en efecto, son elementos esenciais para o desenvolvemento dos seres vivos, e atopar unha nun meteorito chegado de «aí fóra» reforzaría a teoría de que a vida, ou algo moi próximo a ela, chegou ao noso mundo desde algún outro lugar do espazo.
As proteínas, ademais, son estruturas moi complexas que se forman tras un gran número de procesos. Sería realmente difícil, por tanto, que unha proteína xurdise por simple casualidade. Por exemplo, para que a hemolitina xurdise de forma espontánea na configuración achada polos investigadores, sería necesario que primeiro se formase glicina, quizá sobre a superficie de grans de po espacial. Despois diso, a calor interna das nubes moleculares de po e gas espaciais debería inducir á glicina a empezar a unirse en cadeas de polímeros, que nalgún momento poderían evolucionar ata converterse en proteínas totalmente formadas.
Ademais, os investigadores sinalan que as inusuais agrupacións de átomos achadas nos extremos da proteína forman un óxido de ferro que xa fora visto en estudos anteriores. Segundo eles, podería tratarse dun medio para dividir a auga nos seus compoñentes (hidróxeno e osíxeno) e producir así unha fonte de enerxía, algo que tamén é necesario para o desenvolvemento da vida.
As reaccións a este traballo non se fixeron esperar. Moitos científicos, en efecto, acollérono con entusiasmo. Outros, con todo, sosteñen que a pesar de que se atoparon aminoiácidos (que son compoñentes básicos da vida) en meteoritos e outras rochas espaciais, seguimos sen ter nin idea de como podería funcionar a química prebiótica máis aló da Terra. E tampouco sabemos como esa química podería chegar despois a converterse nunha forma de vida.
Ademais, sinalan outros, o proceso de procura de compostos orgánicos en meteoritos na Terra é algo extremadamente difícil e, por tanto, suxeito a erros. Calquera pequeno detalle pasado por alto podería resultar nun falso positivo.
Por último, tamén hai científicos que sinalan que a estrutura da proteína atopada «non ten sentido» e é moi pouco probable atopala na natureza. E que o resultado das análises levadas a cabo por istes investigadores non significan necesariamente que o composto anunciado estea no meteorito, xa que os resultados extrapoláronse a partir de datos incompletos.
Sexa como for, agora só queda esperar. Como adoita suceder en Ciencia, para que un achado sexa considerado como tal primeiro é necesario que outros equipos independentes de científicos repitan todo o traballo dos autores e cheguen aos mesmos resultados. Se iso sucede, o achado darase por bo e pasará a ser un fito importante na procura da orixe da vida. Se non, polo menos poderemos consolarnos coa idea de que foi un bo intento, e que cada vez estamos máis preto de coñecer, por fin, a verdade.
FONTE: José María Nieves/abc.es
0 comentarios