Blogia
vgomez

TVG: BLOQUE EDUCATIVO

A TVG enite, dende hoxe luns 23,  pola súa segunda canle, a G2, un bloque de programación educativa. De luns a venres, entre as 11.00 e as 13.00 horas, este bloque emitirase mentres os centros escolares permanecen pechados atendendo as restricións para loitar contra coroavirus.

Deste xeito, os medios públicos galegos facilitarán aos estudantes unha nova vía para recibir contidos complementarios aos que reciben dos seus centros. En colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a iniciativa arranca cunha variada oferta de programas en áreas tan diversas coma a xeoloxía, a historia, a experimentación ou o mundo animal, e que se irá ampliando con achegas do sistema educativo galego.

Deste xeito, divulgarase o programa “Xeoclip”, creado por docentes e no que se abordan temas incluídos nos currículos de Xeoloxía e Bioloxía e de Xeografía e Historia. Trátase dun espazo destinado especialmente a alumnado de Secundaria e de Bacharelato, que explica de maneira sinxela e atractiva o que agocha a xeoloxía galega e permite ademais descubrir a riqueza paisaxística da Comunidade.

Outra das apostas didácticas é “Aquelando tamén quedamos na casa”, unha versión do programa de divulgación científica “Aquelando”, creada para as actuais circunstancias de estadía nos fogares. Con el búscase que a rapazada aprenda de xeito entretido, con explicacións, experimentos e trucos nos que se manexan conceptos e ideas de todas as materias que se poden atopar nos diferentes ciclos educativos.

Os pequenos poderán gozar tamén das clásicas series divulgativas de animación como “Era unha vez... o home” e “Era unha vez... os exploradores”, creadas por Albert Barillé e nas que se aborda a historia da humanidade e dos grandes descubrimentos xeográficos. Pola súa banda, o programa “Criaturas”, achegaralle ao público máis novo o medio natural e os animais desde diversas perspectivas, como a relación das persoas coas súas mascotas, as curiosidades dos animais, doenzas ou o labor que desenvolven os veterinarios, entre outras-

FONTE: www.crtvg.es

0 comentarios