Blogia
vgomez

UN OSO PARDO NO PARQUE NATURAL DO INVERNADEIRO

Un oso pardo coouse no Parque Natural do Invernadeiro, no macizo central ourensán, segundo o rexistro realizado polas cámaras da película "Montaña ou Morte", producida por Felipe Lage para Zitun Films e dirixidas por Pela do Álamo.

As imaxes correspóndense coas cámaras de fototrampeo que o equipo de produción ten, desde hai dous anos, repartidas por este espazo natural protexido propiedade da Xunta de Galicia para rexistrar fauna salvaxe, contando para iso co asesoramento dos axentes ambientais do Invernadeiro Ricardo Prieto Rocha e Tomás Pérez Hernández.

As gravacións realizadas en diferentes puntos, e que se incorporarán á película en fase de desenvolvemento, que conta con financiamento da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a colaboración do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta en Ourense, foron cualificadas como "sorprendentes" por Xosé Benito Reza, enxeñeiro de montes que, entre 1995 e 1999, dirixiu este parque natural ourensán. "Non hai constancia de que o oso pardo chegase nunca ata aquí, a este santuario da fauna. Si que houbo mozos aventureiros que, desde o norte (León e Asturias), chegaron ata o río Sil por Rubiá e Valdeorras", relataba Reza, quen datou a principios do século XX a presenza do último exemplar ourensán que resultou "abatido" en Padrenda.

O exemplar do  Invernadeiro, un macho de entre tres e cinco anos, é segundo Zeitun Films o primeiro en ser gravado na zona, e "o primeiro que transita esta comarca nos últimos 150 anos". Segundo os axentes ambientais do  Invernadeiro, o animal puido pasar o inverno no parque procedente, segundo as primeiras hipóteses, da zona do Courel.

FONTE: Laura Fernández/laregion.es

0 comentarios