Blogia
vgomez

MÁIS PRETO DA HIBERNACIÓN HUMANA

Á dereita, xunto a un rato en estado normal, un dos que entrou en estado de hibernación. A súa temperatura corporal baixou dos 36 aos 22 graos / Universidade de Tsukuba

Vímolo tantas veces no cinema que mesmo chega a parecer algo normal. Nas películas de ciencia ficción, en efecto, é habitual ver como os astronautas entran en  hibernación para, dese modo, cruzar a inmensidade do espazo. Nese estado, o tempo biolóxico detense, e a nave pode viaxar durante décadas enteiras sen que os seus ocupantes envellezan nin un só día. Ademais, a hibernación reduce considerablemente o consumo de alimentos e osíxeno por parte das tripulacións, así como o seu desgaste muscular en condicións de gravidade cero. Por último, un estado de inconsciencia prolongada durante a viaxe espacial podería tamén minimizar os problemas psicolóxicos dos sufridos astronautas. Aínda que iso, repetimos, é nas películas. Pero poderán os seres humanos chegar realmente hibernar algún día?

Na Natureza abundan as especies que son capaces de entrar en estado de animación suspendida. Outras, con todo, sinxelamente non poden. A que se deben estas diferenzas? E sobre todo, teñen todos os animais o potencial de hibernar, mesmo se nunca o fan na Natureza?

Un equipo de investigadores da Universidade xaponesa de Tsukuba atopou parte das respostas. Nun estudo recentemente publicado en Nature, en efecto, anuncian o achado de células específicas no cerebro de ratos que poden chegar a desencadear un estado similar ao da hibernación cando se activan. E os ratos non forman parte do grupo de animais que hibernan de forma natural.

Os que si o fan, con todo, entran xeralmente en estado de hibernación durante o inverno, cando a comida é máis escasa. Como no caso dos osos, o metabolismo retárdase e a temperatura corporal baixa ata o mínimo necesario para manter activas as principais constantes vitais, reducindo así drasticamente o consumo de enerxía que o corpo necesita. O ritmo cardíaco tamén se fai máis lento, a respiración máis débil e a actividade cerebral redúcese ata quedar nos niveis de subsistencia. Ao volver espertar, e isto é importante, os animais están perfectamente sans. Máis delgados, si, pero sans.

E agora volvamos aos ratos do experimento xaponés. A pesar de que estes animais non hibernan de forma natural, os investigadores da Universidade de Tsukuba e o centro RIKEN para a Investigación de Dinámica de Biosistemas, demostraron que a simple activación dun tipo específico de células cerebrais, chamadas "neuronas Q", pode conseguir que os ratos entren, durante varios días, nun estado que se parece moito á hibernación.

"Os ratos -sinalan od investigadores- exhibiron calidades distintivas que cumpriron cos criterios de hibernación. En particular, o punto de axuste da temperatura corporal baixou de aproximadamente 36 graos a preto de 27, e o corpo funcionou con normalidade para manter temperaturas inferiores, de 22 graos, mesmo cando reducimos drasticamente a temperatura ambiente". Os ratos tamén mostraron todos os signos dun metabolismo reducido, comúns durante a hibernación, incluído o baixo ritmo cardíaco, o baixo consumo de osíxeno e a lenta respiración.

Para os científicos, poder levar aos ratos a este estado simplemente excitando de forma artificial as neuronas Q foi algo totalmente inesperado. "E aínda máis sorprendente, é que logramos inducir un estado hipometabólico similar nunha especie que non  hiberna nin ten claros períodos de letargo. Aínda que aínda non coñecemos a resposta, a posibilidade de que os humanos tamén teñan neuronas Q que poidan usarse para inducir unha resposta similar resulta  tentadora", sinalan.

E logo está, claro, a cuestión das viaxes espaciais. "No futuro poderemos poñer aos humanos en estado de hibernación para misións a Marte e máis aló", conclúen os investigadores.

FONTE: José M. Nieves/abc.es/ciencia

0 comentarios