Blogia
vgomez

O ESTRAÑO HALO VERDE SOBRE A SUPERFICIE DE MARTE

Un estraño halo verde sobre a superficie marciana. Iso é o que captou o Satélite para o estudo de Gases Traza (TGO) da misión ExoMars da Axencia Espacial Europea (ESA), quen leva orbitando Marte dende 2016 para coñecer con máis detalle a atmosfera do noso veciño. Trátase da primeira vez que se detecta nun planeta diferente da Terra, polo que significa un fito espacial de relevancia.

Na Terra, o osíxeno  resplandece durante as auroras polares, cando os electróns cargados, procedentes do espazo interplanetario, chocan coa alta atmosfera. A emisión de luz debida ao osíxeno confire ás auroras polares a súa característica tonalidade  verdosa. Con todo, a aurora non é máis que unha das formas en que as atmosferas planetarias brillan. No caso de planetas como a Terra e Marte, a  luminiscencia é constante durante o día e a noite mentres a luz solar interactúa con átomos e moléculas da atmosfera. Os resplandores diúrnos e nocturnos débense a mecanismos algo distintos: os nocturnos prodúcense cando se  recombinan moléculas descompostas, mentres que os diúrnos xorden cando a luz do Sol excita directamente átomos e moléculas como as de nitróxeno e osíxeno.

Na Terra, o resplandor nocturno verde é moi tenue, polo que o mellor é velo de forma transversal, tal e como mostran numerosas imaxes espectaculares tomadas por astronautas a bordo da Estación Espacial Internacional (ISS). A debilidade do resplandor pode ser un problema cando se busca ao redor doutros planetas, xa que o brillo da súa superficie pode tapalo.

Os autores do estudo, publicado en Nature Astronomy, puideron detectar esta emisión en Marte utilizando un modo de observación especial do TGO. Un dos conxuntos de instrumentos avanzados do orbitador, coñecido como NOMAD (Nadir e Ocultación para o descubrimento de Marte) e incluído o espectrómetro ultravioleta e visible (UVIS), pode observar en varias configuracións, unha das cales coloca os seus instrumentos para apuntar directamente cara á superficie marciana, tamén coñecida como a canle ’nadir’.

O estudo do resplandor das atmosferas planetarias pode ofrecer moita información sobre a composición e a dinámica dunha atmosfera, e revelar como se deposita a enerxía da luz solar e do vento solar, a corrente de partículas cargadas procedente da nosa estrela.

Comprender as propiedades da atmosfera marciana non só ten interese científico, tamén é fundamental para operar as misións que que se enviarán a medio prazo ao Planeta Vermello. A densidade atmosférica, por exemplo, afecta directamente á resistencia experimentada polos satélites en órbita e polos paracaídas utilizados para pousar sondas na superficie marciana.

FONTE: abc.es/ciencia

0 comentarios