O TYRANNOSAURUS REX CAMIÑABA CUNHA VELOCIDADE DE 4,6 KM/H, PARECIDA Á DOS HUMANOS
Duns 12 metros de lonxitude, catro metros de altura ata a cadeira e un peso de entre seis e nove toneladas, o Tyrannosaurus rex é o depredador prehistórico máis coñecido da Terra. Carnívoro, temible e magnífico, camiñaba con todo a unha velocidade duns 4,6 quilómetros por hora: parecida á dos humanos. A esta conclusión chegou un equipo científico de Países Baixos que non se fixou nas patas ou cadeiras deste dinosauro terópodo tiranosáurido, de finais do período Cretáceo, senón no abalo da súa cola. Aínda que outros estudos xa analizaran a locomoción do Tyrannosaurus rex cando non cazaba ou corría, o papel da cola non destacaba nos cálculos finais. A pesar de que supoñía máis da metade da súa lonxitude e podía pesar 1.000 quilos. O novo traballo foi publicado na revista Royal Society Open Science.
Os animais e as persoas aforran enerxía ao andar a base de desprazarse cunha cadencia regular. Os humanos alcanzamos o paso adecuado para o noso corpo coas pernas e un certo acompañamento rítmico dos brazos. O Tyrannosaurus rex tiña unhas patas dianteiras moi curtas, as traseiras moi altas e unha cola impoñente con vértebras e ligamentos, que lle permitía almacenar e liberar enerxía ao oscilar. “Cando o compás da cola alcanza a resonancia, é dicir, obtén o maior movemento co menor esforzo, podemos falar dunha frecuencia natural: neste caso, sería a do animal cando camiña sen présas”, di o autor principal do traballo.
Para a investigación, creouse un modelo tridimensional dixital do esqueleto de Trix, unha femia adulta da especie. Duns 66 millóns de anos e preto de 12 metros, os seus restos case completos foron escavados en 2013 en Estados Unidos. A esta representación engadiron logo os músculos e ligamentos das vértebras da cola, flexibles e resistentes á tracción e a compresión. Para poder observar o efecto na locomoción, someteron esta copia dixital do sistema óseo e muscular a unha serie de análise biomecánicos. “O abalo da cola grazas aos ligamentos servía de contrapeso. É comparable á suspensión dunha ponte, e producía parte da forza necesaria para empuxar de forma rítmica o corpo cara adiante a dúas patas. A velocidade da pisada tiña que corresponder á frecuencia natural con que sobe e baixa a cola, e nós indicamos que o paso do Tyrannosaurus rex era de 1,28 metros por segundo”, explica o investigador.
Había que saber tamén a zancada, é dicir, a distancia percorrida con cada un dos pasos que daba. “Axudámonos para iso de pegadas fósiles, que escalamos dixitalmente ata o tamaño de Tyrannosaurus rex, para concluír que era de 1,94 metros. Combinando ambas as cifras no conxunto dos nosos cálculos, estimamos que camiñaba a 4,6 quilómetros por hora: máis ou menos como as persoas”, explica o autor principal do estudo.
FONTE: Isabel Ferrer/elpais.com/ciencia
0 comentarios