TERCEIRA ESPECIE DE NENUFAR XIGANTE, A MÁIS GRANDE DO MUNDO
Carlos Magdalena e Lucy Smith medindo a Vitoria boliviana de Kew -/RBG KEW
O horticultor español Carlos Magdalena, traballador de Kew Gardens, a colección botánica máis grande do mundo, está detrás do descubrimento dun nenúfar xigante, cultivado alí, nomeado especie nova para o mundo da ciencia.
Este recente descubrimento botánico no famoso xénero Vitoria de nenúfares xigantes, o primeiro deste tipo nun século, detállase nun artigo divulgado hoxe na revista Frontiers in Plant Science. Nel obsérvase que, ata a data, tan só había dúas especies coñecidas destes impresionantes nenúfares.
Segundo o estudo, exemplares desa especie levaban depositados no Herbario de Kew desde hai 177 anos e no Herbario Nacional de Bolivia desde fai 34, aínda que durante todo ese tempo críase erroneamente que estes pertencían a Vitoria amazonica. "Esta planta (que chamaron Vitoria boliviana) é tan súper icónica... Se houbese que escoller as dez plantas máis marabillas do reino vexetal, esta estaría sempre", subliña Magdalena.
O científico e horticultor botánico asturiano resalta as características extraordinarias da planta: "Un nenúfar de tres metros, no que podes poñer a unha persoa, na que os paxaros fan niños, que ten flores de 70 centímetros (..) ten unha especie de aura, de exotismo, non hai nada co que comparalo", asegura.
A primeira vez que viu o exemplar foi en foto, en 2006, e asegura que xa entón soubo que se trataba dunha nova especie. "Unha vez que coñeces a unha especie, é como coñecer a unha persoa. Con só unha ollada non fai falta pensar. Un día eu atopeime cunha foto dun xardín de Santa Cruz (...) e deime conta automaticamente en canto a vi", di. Pero apunta que esta nova especie, en realidade, xa foi descuberta e debuxada por primeira vez polo naturalista Tadeo Haenke durante as expedicións españolas de Malaspina en 1801. Foi tamén a primeira especie rexistrada do xénero Vitoria aínda que entón non foi descrita como especie científica.
Como horticultor afirma: "tes un sexto sentido que che di que algo non encaixa pero logo, cando o descobres, non cho podes nin crer. É tan impresionante (...) De súpeto descobres unha cousa que realmente xa estaba descuberta pero que tampouco estaba descuberta".
Tras anos de estudo, o equipo liderado polo español, coa artista botánica independente Lucy Smith, de Kew, e a investigadora de xenómica da biodiversidade Natalia Przelomska, xunto con compañeiros do Herbario Nacional de Bolivia, o Xardín Botánico Santa Cruz de la Sierra e os Xardíns La Rinconada, confirmaron que, efectivamente, era unha nova especie grazas á utilización de datos novos.
O seu nome, Vitoria boliviana, fai honra aos compañeiros bolivianos e ao fogar onde crece o nenúfar en América do Sur, os ecosistemas acuáticos de Chairos de Moxos.
O estudo destaca que Vitoria boliviana é agora o nenúfar máis grande do mundo, con flores brancas que logo se volven rosas, con peciolos espiñentos e con follas que crecen ata os 3 metros de ancho en estado natural. O récord actual posúeno os Xardíns La Rinconada en Bolivia, onde as follas chegaron aos 3.2 metros.
FONTE: elmundo.es/ciencia
0 comentarios