AS POSTAIS
Postais antigas / Uwe Krejci (Getty Images)/verne.elpais.com
Emanuel Alexander Herrmann (24 de xuño de 1839, Klagenfurt-Austria - 13 de xullo de 1902, Viena-Austria). Diste home non se sabe demasiado, pero as pinceladas biográficas que chegaron ata o presente desmontan enseguida a tentadora idea de que o inventor da postal tiña que ser un intrépido viaxeiro. En realidade, Herrmann estudou Dereito e dedicouse principalmente á docencia. Ensinou Economía na Universidade Técnica de Viena durante 20 anos e publicou varios libros sobre o tema.
E a idea que tivo, considerada o inicio das postais, tiña que ver coa súa formación económica: o obxectivo era reducir custos. En xaneiro de 1869, publicou no xornal local Neue Freie Presse un artigo titulado Über eine neue Art der Korrespondenz mittels der Post ("Sobre un novo modo de correspondencia postal") no que propoñía a posibilidade de enviar tarxetas do tamaño dun sobre por correo. Nun lado, escribiríase a dirección; no outro, a mensaxe. Irían sen sobre, polo que serían adecuadas para mensaxes con "información ordinaria" como anuncios comerciais curtos, ou recordos e saúdos. Nada moi íntimo, persoal ou confidencial. As tarxetas postais serían todo un aforro, defendía Herrmann: en cuestión de tempo, ao non ter que buscar papel, sobre e selo (iste iría impreso xa na tarxeta), e en cuestión de diñeiro. Ademais, abrirían mercado: as cartas seguían unhas fórmulas de cortesía moi complicadas que non estaban ao alcance de persoas cun nivel de alfabetización básico. Nas postais só tiñas que garabatear unha mensaxe de non máis de 20 palabras, sen espazo para formalismos.
En setembro dese mesmo ano, unha orde ministerial aprobou as Korrespondenzkarte, tarxetas de correspondencia, e o 1 de outubro de 1869 enviouse a que se considera a primeira postal da historia. Viaxou da localidade austríaca de Perg á de Kirchdorf, e tardou só un día en chegar.
Primeira tarxeta postal de 1869 / Imaxe: ausstellung-postkarte.de
A idea das postais, non habería que falar só de Emanuel Herrmann, senón tamén de Heinrich von Stephan, director xeral de correos do Imperio alemán na segunda metade do século XIX. En 1865, catro anos antes do texto de Herrmann, Von Stephan presentou na Conferencia Postal Austroalemana unha idea moi similar á que describiría o economista austríaco pouco despois. Cría que as cartas tradicionais eran algo obsoleto e que era o momento de evolucionar cara a algo máis eficaz e rápido: tarxetas postais que servirían para "calquera tipo de comunicación".Non se sabe se Emanuel Herrmann coñecía a proposta de Von Stephan, pero o seu gran acerto foi especificar que as postais servirían para comunicacións que non necesitaban ocultarse tras un sobre. E que serían simplemente unha opción máis, non o substituto das cartas.
Ese mesmo ano, as autoridades de Suíza e o Reino Unido tamén aprobaron as postais; en 1871, chegaron a Bélxica, Holanda, Dinamarca, Noruega, Suecia e Rusia. Por España xa circulaban en 1873. Tamén chegaran xa a Estados Unidos.
En Estados Unidos, por certo, xa en 1861 presentárase unha idea similar. Tratábase de postais privadas, é dicir, non as emitía o Estado. Impresas pola compañía de H. L. Lipman, o dono da patente, e que estaban á venda nalgúns establecementos. Con todo, o seu uso non se estendeu ata 1873, cando o Servizo Postal de Estados Unidos empezou a producir e vender postais xa seladas. Ata 1898, só o Estado podía comercializar postais co selo impreso directamente nelas.
Nin a idea orixinal de Herrmann nin a de Von Stephen incluían ilustracións nin fotos, pero artistas e fotógrafos enseguida viron o potencial: en 1870 xa se enviaban postais nas que un dos lados estaba dedicado a unha imaxe. Como o negocio das tarxetas postais disparouse con tanta rapidez, moitas pequenas compañías impresoras empezaron a producir as súas propias postais e algunhas incluían imaxes ou ilustracións.
Á esquerda, primeira tarxeta postal española de 1873 / Imaxe: researchgate.net Á dereita, postal da torre Eiffel, en torno a 1900 / Roger Viollet / Imaxe: verne.elpais.com
A época do xurdimento das postais coincidiu coas primeiras décadas do turismo de masas, que se considera que naceu en 1851, cando o empresario Thomas Cook organizou o transporte duns 150.000 turistas de Yorkshire e as Midlands á Exposición Universal de Londres. A aparición das postais poucos anos despois enseguida encaixou con ese novo mundo, polo que non tardaron en relacionarse coas viaxes e o turismo.
Lamentablemente, hoxe en día, nin cartas nin postais. As novas tecnoloxías acabaron con todo isto, salvo para os coleccionistas!
FONTE: verne.elpais.com
0 comentarios