Blogia
vgomez

A PANDEMIA DO CORONAVIRUS REDUCIU UN 9,3% A PEGADA ECOLÓXICA DO PLANETA

Pegada ecolóxica / Imaxe: ecologiaverde.com

O confinamento polo coronavirus traduciuse nunha redución do 9,3% da pegada ecolóxica* causada pola especie humana. O día da "sobrecapacidade" da Terra (o momento no que o consumo excede a capacidade do planeta para rexenerarse) atrasouse en consecuencia tres semanas e produciuse este ano o pasado sábado, 22 de agosto. No 2019, adiantouse ao 29 de xullo.

No 2020, o impacto ecolóxico deu unha máis que simbólica marcha atrás de ata 15 anos e rompeu coa progresión acelerada que leva producindo desde 1970, cando os analistas da Rede Global de Pegada Ecolóxica (GFN) consideran que o consumo global soprepasou por primeira vez a capacidade do planeta para rexenerar os recursos.

A crise financeira provocou no pasado recente unha estabilización da "sobrecapacidade" durante tres anos (2011-13), pero nunca se produciu unha caída como a experimentada este ano, cunha contracción da economía mundial prevista en torno ao 7% e unha redución do PIB de ata o 14% nos países máis industrializados.

Ao ritmo actual de produción e consumo, e a pesar da caída experimentada este ano, farían falta 1,6 planetas para satisfacer a medio prazo a demanda actual de recursos, segundo os analistas do GFN, cunha metodoloxía perfeccionada desde primeiros dos anos 90 para comparar a biocapacidade da Terra coa demanda de máis de 7.800 millóns de humanos.

As dúas principais reducións durante os meses de confinamento polo coronavirus producíronse nas emisións de CO2 (cunha caída do 14,5% con respecto ao ano anterior) e na explotación de recursos forestais (cun descenso do 8,4%). O descenso foi algo menor na explotación de chans agrícolas e dos bancos de pesca.

O baixón causado pola Covid-19 na actividade económica e o impacto ecolóxico debería servir non precisamente como motivo de celebración, senón como "punto de reflexión", segundo o GFN: "O gran problema é que o noso déficit vai seguir medrando e non se pode manter a longo prazo, a non ser que se produza un cambio nos planificadores económicos e recoñézase a necesidade de movernos dentro dos límites planetarios".

* O termo "pegada ecolóxica" mide a superficie necesaria para producir os recursos consumidos por un cidadán medio dunha determinada comunidade, así como a necesaria para absorber os residuos que xera, independientemente de onde se atopen localizadas estas áreas.

FONTE: Carlos Fresneda/elmundo.es/ciencia

0 comentarios