NÓS, PODERIAMOS SER... MARCIANOS?
Imaxe de Marte / gl.wikipedia.org e Deinococcus radiodurans é unha especie de bacteria extremófila, que é extraordinariamente resistente ás radiacións, ao frío, á deshidratación, ao baleiro e aos ácidos / gl.wikipedia.org
Imaxinade un denso agregado de microorganismos, por exemplo unha colonia de millóns de bacterias, viaxando a través da inmensidade do espazo, ata chegar a un planeta “favorable”. Trátase dunha viaxe longa, de moitos millóns de km e feito nunhas condicións, ademais, nsoportablemente duras. Pero se algunhas desas bacterias lograsen sobrevivir, e as condicións do novo planeta fosen as adecuadas, os microorganismos empezarían a multiplicarse nese mundo, enchéndoo de incontables organismos viventes nun tempo relativamente curto. Así é como a vida podería estar a se expandir polo Universo. Ou polo menos iso é o que sostén a teoría da Panspermia, segundo a cal é posible, entre outras cousas, a “migración” de seres vivos dun planeta a outro.
A teoría, por suposto, implica que as bacterias deben ser capaces de sobrevivir á súa longa viaxe espacial, resistindo as durísimas condicións que se dan “aí fóra”, como enormes fluctuacións de temperatura e niveis de radiación letais para calquera ser vivo. Algo, sen dúbida, nada fácil de conseguir, e aínda menos de demostrar.
Un equipo multidisciplinar de investigadores xaponeses, con todo, acaba de conseguir un importante avance neste terreo, demostrando que un groso agregado de bacterias pode proporcionar unha protección suficiente para que as bacterias sobrevivan durante longos anos ás duras condicións da contorna espacial. O traballo acábase de publicar na revista Frontiers in Microbiology.
“A orixe da vida na Terra é o maior dos misterios aos que se enfronta o ser humano. E os científicos poden ter puntos de vista totalmente diferentes respecto diso. Algúns pensan que a vida é moi rara e que ocorreu só unha vez no Universo, mentres que outros cren que a vida pode darse en todos os planetas que sexan adecuados. Se a panspermia é posible, a vida debería ser moito máis frecuente do que pensabamos anteriormente”, explican os autores do estudo.
Xa en 2018, iste equipo investigador, demostrou a existencia de colonias enteiras de microbios na atmosfera terrestre, en concreto un tipo de bacterias chamadas deinococos, a 12 km de altitude. Sábese que os deinococos forman grandes e apertadas colonias (que poden ser mesmo maiores dun mm), e que desa forma conseguen protexerse de perigos como a radiación ultravioleta. Pero poderían igualmente resistir longos períodos no espazo e apoiar así a teoría da Panspermia?
Para responder á cuestión, o equipo investigador decidiu poñer a proba a capacidade de resistencia dos deinococos. E, segundo as conclusións do estudo, as apertadas colonias que xeran estes organismos poderían sobrevivir sen problema a unha longa travesía espacial. Os investigadores colocaron agregados de diferentes espesores de deinococos en paneis de exposición fóra da Estación Espacial Internacional (ISS). As diferentes mostras quedaron expostas ao espazo durante períodos comprendidos entre un e tres anos, tras os que foron analizadas para determinar as súas taxas de supervivencia.
Deste xeito, os científicos comprobaron que, despois de 3 anos de exposición, todos os agregados de bacterias superiores a 0,5 mm sobrevivían parcialmente ás condicións espaciais. A pesar de que as bacterias da superficie do agregado morreron, ao facelo crearon unha capa protectora moi eficaz para as bacterias que había debaixo, o que garantía a supervivencia da colonia.
Usando datos de supervivencia a un, dous e tres anos de exposición, os investigadores estimaron que un gránulo de máis de 0,5 mm lograría sobrevivir entre 15 e 45 anos no exterior da ISS. Unha colonia dun mm lograría sobrevivir, segundo o estudo, ata 8 anos nas aínda peores condicións do espazo exterior.
“Os resultados suxiren que os deinococos serían capaces de sobrevivir durante a viaxe da Terra a Marte e viceversa, cuxa duración na órbita máis curta sería de varios meses ou anos”, afirman os investigadores.
O traballo proporciona a mellor estimación levada a cabo ata o de agora da capacidade de supervivencia bacteriana no espazo. E aínda que estudos anteriores xa demostraran que as bacterias poderían sobrevivir no espazo durante longo tempo se viaxasen no interior de rochas, beneficiándose da súa blindaxe, iste é o primeiro que expón a posibilidade de que tamén poidan sobrevivir no espazo en forma de agregados.
Hai xa unha década, H. Jay Melosh, profesor de Ciencias Planetarias da Universidade de Arizona e unha das máximas autoridades mundiais no estudo de impactos de meteoritos contra a Terra, defendía a hipótese de que a vida podería orixinarse antes en Marte que no noso propio mundo, para viaxar despois ata aquí a bordo de meteoritos. Marte, en efecto, é algo máis antigo que o noso propio mundo, e sábese que no pasado, fai miles de millóns de anos, o planeta vermello tiña grandes extensións de auga na súa superficie.
Se a vida desenvolveuse (ou chegou) alí antes que á Terra, impactos de meteoritos poderían lanzar ao espazo, nunha sorte de “carambola cósmica” pequenas rochas ricas en bacterias, que chegarían anos despois ao noso planeta. Se a hipótese confírmase, iste traballo é un paso adiante nese camiño, e non resultaría esaxerado dicir que, quizais, todos nós poderiamos ser... marcianos.
FONTE: José Manuel Nieves/abc.es/ciencia
0 comentarios