Blogia
vgomez

O VERDADEIRO TAMAÑO DO MEGALODÓN

O VERDADEIRO TAMAÑO DO MEGALODÓN

O megalodón (Otodus  megalodon), a extinta quenlla xigante que apareceu nos océanos de hai 23 millóns de anos, converteuse nunha lenda grazas a películas taquilleiras, documentais e libros. Case tan famoso como a sanguinaria quenlla de Spielberg, este monstro mariño non necesita adornos de ficción nin trucos de cámara para impresionar. Un novo estudo confirma que o animal podería chegar aos 18 metros de longo, un peixe moi grande se se ten en conta que unha quenlla branca mide tres veces menos. O informe tamén sinala que era un depredador rapidísimo e moi resistente. Ademais, o seu ton sombreado permitíalle pasar desapercibido e realizar emboscadas sobre as súas incautas presas.

Os investigadores das universidades británicas de Bristol e Swansea advirten no comezo do seu estudo, publicado en Scientific Reports, que inferir o tamaño dos animais extintos é «perigoso», especialmente «cando eran moito máis grandes que os seus parentes modernos». O megalodón, desaparecido hai tres millóns de anos, aínda que hai quen se pregunta se aínda está vivo, coñécese case exclusivamente polos dentes fosilizados, unhas pezas triangulares máis grandes que unha man humana. Ata o de agora, as estimacións do seu tamaño corporal foron realizadas a partir deses dentes, utilizando á gran quenlla branca (Carcharodon carcharias) como único análogo moderno.

Segundo os autores, isto pode ser problemático xa que as dúas especies probablemente pertencen a familias diferentes. Por ese motivo, os científicos realizaron as estimacións corporais do megalodón baseándose en medidas anatómicas de cinco especies de quenllas que son ecolóxica e fisiológicamente similares: a quenlla branca (Carcharodon carcharias), o mako (Isurus oxyrinchus), o marraxo negro (Isurus paucus), o quenlla salmón (Lamna ditropis) e o cailón (Lamna nasus).

Pero había un detalle que tiveron que resolver. "Antes de que puidésemos facer algo, tivemos que probar se estes cinco quenllas modernos cambiaban de proporcións a medida que medraban. Se, por exemplo, fosen como os humanos, con bebés que teñen cabezas grandes e pernas curtas, teriamos algunhas dificultades para proxectar as proporcións adultas dunha quenlla extinta tan grande", explican os investigadores. Por sorte, "sorprendeunos e aliviounos descubrir que, de feito, as crías de todas estas quenllas depredadoras modernos comezan como pequenos adultos e non cambian en proporción a medida que medran".

Isto significaba que simplemente poderían tomar as curvas de crecemento das cinco formas modernas e proxectar a forma xeral a medida que se fan máis e máis grandes. Desta forma, os novos resultados suxiren que un megalodón superaba os 16 metros de longo. É posible que tivese unha cabeza duns 4,65  m, unha aleta dorsal de 1,62  m de alto, comparable ao dun humano adulto, e unha cola de 3,85 m. As análises suxiren ademais que as súas aletas dorsal e caudal adaptáronse para "unha rápida locomoción depredadora e longos períodos de natación".

Recreación do megalodón segundo os datos dos investigadores en diferentes etapas da súa vida e comparación do seu tamaño co dun mergullador. a) adulto de 16 m con 12 dimensións corporais estimadas rexistradas;  b) recentemente nacido de 3 m e c) xuvenil de 8 m / Oliver E. Demuth

O estudo tamén indica que a cabeza desta quenlla necesitaría músculos grandes para soster as súas enormes mandíbulas, o que probablemente resultaría nun fuciño máis  curvo. Isto concorda coa idea de que o animal tiña unha forza de mordida impresionante de dúas toneladas, quizais a maior de calquera depredador mariño que existise.

FONTE: Judith de Jorge/abc.es/ciencia

0 comentarios