2020 SO: UNHA ESTRAÑA MINILÚA A PIQUES DE ORBITAR A TERRA
Ao falar de satélites da Terra, todos pensamos na Lúa. É o noso "acompañante natural" desde hai miles de millóns de anos e o home leva contemplándoa como un alicerce inamovible. Sen embago, non é o noso único compañeiro: de cando en vez, un obxecto máis pequeno, xeralmente un asteroide, é captado pola gravidade do noso planeta, permanecendo ao noso lado durante uns meses, mesmo ás veces mesmo anos, para despois continuar o seu camiño polo espazo. Estas son as popularmente coñecidas como "minilúas".
Aínda que se trate dun fenómeno máis ou menos comprendido polo home, en realidade só puidemos confirmar dúas destas minilúas: 2006 RH120, que visitou en 2006 e 2007; e 2020 CD3, en órbita terrestre de 2018 a 2020. Agora, os astrónomos detectaron un novo obxecto, chamado 2020 SO, nunha traxectoria entrante que moi probablemente faga que a gravidade da Terra "capture" este obxecto desde o próximo mes de outubro ata maio de 2021, segundo as predicións dos astrónomos.
2020 SO foi clasificado como un asteroide tipo Apolo, unha clase de asteroides cuxo camiño cruza a órbita da Terra. Ese tipo de corpos a miúdo rodean o noso planeta, pero este en concreto presenta algunhas particularidades: a órbita similar á da Terra e a baixa velocidade de 2020 SO suxiren que en realidade non é un asteroide; de feito, as súas características, segundo os expertos, son máis consistentes con algo creado polo home. Os obxectos que proveñen da Lúa tamén teñen unha velocidade menor que os asteroides, pero este obxecto é mesmo aínda máis lento.
Por iso, todo apunta a que estamos diante lixo espacial. Moi probablemente a etapa dun foguete Centauro que lanzou unha carga útil experimental chamada Surveyor 2 á Lúa en setembro de 1966.
Isto explícase porque durante décadas utilizáronse unha sorte de foguetes con múltiples etapas (algo así como con partes "desmontables" que se ían desprendendo segundo avanzaba a viaxe). A etapa de reforzo volve á Terra e reutilízase, pero o resto queda no espazo. E aí hai unha gran cantidade deste tipo de obxectos, ademais de que son moi fáciles de perder por parte dos radares humanos, o que explicaría que non se detectou antes.
O tamaño estimado de 2020 SO coincide co dunha etapa Centauro da década de 1960. Segundo a base de datos CNEOS da NASA, o obxecto mide entre 6,4 e 14 metros de longo (unha Centauro mide 12,68 metros). Ademais, esta base de datos afirma que este obxecto probablemente dará dúas voltas próximas á Terra. O 1 de decembro de 2020, pasará a unha distancia de ao redor de 50.000 quilómetros. Ao redor do 2 de febreiro de 2021, voará a 220.000 quilómetros.
Ningún dos dous está o suficientemente preto para entrar na atmosfera terrestre, polo que o obxecto non representa ningún perigo en absoluto. Pero esas distancias, particularmente a velocidades lentas, poden ser suficientes para estudalo máis de preto e determinar que é 2020 SO.
FONTE: abc.es/ciencia Imaxe: Needpix/robotitus.com
0 comentarios