UN MATRIMONIO TURCO DETRAS DA VACINA CONTA A COVID-19
Os fundadores de BioNTech, Ouğur Şahin e Özlem Türeci / BioNTech
O anuncio dos datos sobre a candidata para vacina (cun 90% de eficacia contra a Covid), desenvolta polo laboratorio Pfizer e a biotecnolóxica BioNTech, supuxeron un punto de inflexión no fin da pandemia do coronavirus. Detrás da alemá BioNTech atópanse Ouğur Şahin e Özlem Türeci, un matrimonio de científicos de orixe turca que deron un respiro ao mundo o pasado luns.
Türeci, de 53 anos, tamén filla de inmigrantes turcos, naceu e medrou en Alemaña, no Estado de Baixa Saxonia. O seu pai, cirurxián, emigrara desde Turquía e traballaba nun pequeno hospital ao oeste de Alemaña. A doutora Türeci é tamén profesora da Universidade Johannes Gutenberg de Maguncia e goza de moito prestixio no país, onde preside o grupo de investigadores de inmunoterapias individualizadas.
Os doutores coñecéronse na Universidade do Sarre en Homburgo, onde ela facía prácticas no tramo final da súa carreira de medicina e el traballaba na unidade de cancro. Casaron en 2002 e teñen unha filla. En 2009, Türeci explicou á prensa alemá que o día da súa voda traballaron pola mañá no laboratorio, foron casar e logo seguiron traballando. “Somos un bo equipo”, aseguraba Sahin este verán nunha entrevista.
Antes de BioNtech, a parella de expertos en cancro tivo outra empresa de biotecnoloxía, Ganymed Pharmaceuticals, que traballaba en respostas inmunes contra o cancro de esófago e que venderon dous anos antes de fundar a actual á xaponesa Astellas Pharma por polo menos 420 millóns de euros. A prensa alemá sitúa a Sahin entre as maiores fortunas do país.
Agora, a alianza con Pfizer, o xigante farmacéutico permitiralles a fabricación en masa da vacina, así como a distribución global. O consorcio con grandes empresas non é algo novo para estes investigadores alemáns, que colaboran ou colaboraron no pasado con Sanofi, Bayer, Fosun ou Roche entre outros. “É a nosa tecnoloxía. Traballar con Pfizer é unha cooperación ideal que nos permite desenvolver unha potencial vacina e tela dispoñible no menor tempo posible”, declaraba hai un par de semanas Sahin ao semanario alemán Der Spiegel.
“A cooperación é crucial neste desafío global. Non hai discusión sobre se a vacina debe estar dispoñible só para China, Alemaña ou EE UU”, dixo Sahin ao Frankfurter Allgemeine Zeitung e asegurou noutra intervención que non aceptarían a colaboración con Pfizer se por exemplo condicionasen a distribución exclusivamente a EE UU.
BioNTech é unha empresa ultraprometedora que, con todo, non ten aínda produtos no mercado. O mundo enteiro, e en particular a comunidade científica, espera agora a información técnica detallada que sustente o revolucionario anuncio desta semana. De momento, a BNT162 deu a coñecer ao mundo a unha parella de científicos atípica e encheu os diarios de titulares en positivo dunha parella de orixe turca, unha comunidade a miúdo estigmatizada en Alemaña.
FONTE: Ana Carbajosa/elpais.com
0 comentarios