Achégase o final do outono, a época dos nados baixo o signo de Ofiuco. Se acudimos ás verdadeiras raíces astronómicas dos signos do zodíaco, veremos que son 13, e non 12, como nos indica o horóscopo. Reivindicar á esquecida Ofiuco convídanos a descubrir o noso verdadeiro signo e a contemplar as espectaculares constelacións zodiacais que dominan as noites desta época do ano.
Hai un catastro que divide o ceo en parcelas, que axudan aos astrónomos para identificar a posición das estrelas, planetas e obxectos na bóveda celeste. A estas leiras chamámoslles constelacións e son agrupacións de estrelas que se corresponden coa mitoloxía celeste herdada da antiga Grecia. Algunhas son máis famosas que outras. Poucas veces óese nomear as constelacións de Camelopardalis, Sagitta ou Boyero; con todo, outras como Saxitario, Tauro ou Capricornio son moito máis coñecidas.
Estas últimas son as constelacións do zodíaco, do grego zoodiakos, que significa “roda dos animais”, aínda que neste grupo coáronse unha báscula, unha virxe, uns xemelgos e un aguador (Libra, Virgo, Gemini e Acuario). Está claro que non é unha relación animal a que as fai especiais, estas constelacións están nunha zona moi particular do ceo, a liña por onde avanza o Sol durante o ano.
Detrás do Sol hai estrelas, aínda que non as podamos ver debido á dispersión da luz na atmosfera da Terra. Pero se as puidésemos ver, diriamos que en calquera momento do ano o Sol “está” nalgunha das constelacións zodiacais, xa que no seu percorrido anual o astro sempre aparenta ocupar unha destas parcelas. E cando dicimos que alguén é Tauro ou Saxitario, o que indicamos é a constelación na que estaba en Sol no momento do seu nacemento: o signo zodiacal non é máis que unha referencia astronómica á posición do Sol no ceo con respecto ás estrelas de fondo.
Con todo, estes signos non están ben calibrados. Se utilizamos un planisferio celeste, veremos que entre o 30 de novembro e o 18 de decembro o Sol ocupa unha desas constelacións pouco famosas: Ofiuco, o Serpentario ou encantador de serpes. Os nados entre estas datas son, por necesidade, de signo zodiacal Ofiuco.
Se seguimos observando a relación entre a posición do Sol e o fondo de estrelas, veremos que pouco coincide co calendario de signos ao que estamos habituados segundo os horóscopos:
TÁBOA: Signos zodiacais reais, segundo as fronteiras entre constelacións que estableceu a Unión Astronómica Internacional (IAU) en 1930
Signo | Inicio | Fin |
Capricornio | 19 de xaneiro | 15 de febreiro |
Acuario | 16 de febreiro | 11 de marzo |
Pisces | 12 de marzo | 18 de abril |
Aries | 19 de abril | 13 de maio |
Tauro | 14 de maio | 19 de xuño |
Xémini | 20 de xuño | 20 de xullo |
Cáncer | 21 de xullo | 9 de agosto |
León | 10 de agosto | 15 de setembro |
Virgo | 16 de setembro | 30 de outubro |
Libra | 31 de outubro | 22 de novembro |
Escorpión | 23 de novembro | 29 de novembro |
Ofiuco | 30 de novembro | 17 de dwcembro |
Saxitario | 18 de decembro | 18 de xaneiro |
Por que non aparece Ofiuco como constelación zodiacal no horóscopo? Por que non coinciden as datas? Non o fan porque hai 2.500 anos, cando se orixinou o horóscopo na antiga Babilonia, o Sol pasaba en datas diferentes por cada unha das constelacións zodiacais, aproximadamente catro semanas antes.
Os nosos astrónomos rexistran que agora, cada ano, o sol entra en Aries o 19 de abril, como un reloxo. Pero debido ao movemento de precesión terrestre, o Sol é como un reloxo que atrasa aproximadamente un cuarto de hora cada ano. Ao cabo de moitos séculos ese atraso foise acumulando e agora o Sol entra en Aries case un mes despois do que rexistraban os babilónicos, e do que marcan os horóscopos.
Podería entón dicirse que a cada persoa correspóndelle realmente o signo inmediatamente anterior ao que marca o seu horóscopo. Pero tampouco é certo. O Sol só transita unha semana en Escorpión, mentres que en Virgo pasa mes e medio: estes tempos de paso son iguais agora que hai 2.500 anos, e difiren moito da división dun mes por cada signo do horóscopo que estableceron de maneira arbitraria os astrólogos babilónicos, que decidiron prescindir de Ofiuco e quedar cun número máis redondo de 12 signos, como no calendario de 12 meses.
A base da astroloxía non se corresponde con observacións do mundo real, é unha invención que non encaixou co movemento dos astros nin sequera na súa orixe. Non ten máis utilidade que a dun calendario alternativo, cuns meses que se corresponden con figuras mitolóxicas. Pero o zodíaco pódenos servir como unha guía para observar as figuras das súas constelacións (que sempre ven no ceo sobre o horizonte sur, no hemisferio norte e sobre o horizonte norte, no hemisferio sur) e lembrar as súas correspondentes lendas.
0 comentarios