Blogia
vgomez

OS POLOS ESTÁN CONECTADOS

Os iceberg separados da Antártida, como iste no mar de  Scotia, contan o pasado do xeo / Michael Weber

O xeo do Ártico marca mínimos históricos case cada outono. O frío dos meses seguintes é cada vez menos duradeiro e intenso, o que impide recuperar a extensión dos anos anteriores. Para moitos científicos, a situación non ten volta atrás. Agora, un estudo que mira ao pasado atopa que o que pasa coa capa xeada do hemisferio norte afecta á Antártida, a 20.000 quilómetros de alí.

Durante a historia xeolóxica da Terra sucedéronse eras de xeo e desxeo. Aínda estamos nos estertores do último período de glaciación, o de Würm (Würm en Europa e Wisconsin en América), que se iniciou hai uns 100.000 anos e marcou o seu mínimo hai uns 12.000-10.000 anos, o que axudou á expansión dos humanos actuais. No paso dun estado a outro inflúen factores internos, como cambios na atmosfera terrestre ou a dinámica das placas tectónicas, e externos, como os ciclos astronómicos ou a variación da actividade solar. Agora, un grupo de  climatólogos e glaciólogos repasou a evolución do xeo durante os últimos 40.000 anos, comprobando a conexión que hai entre o norte e o sur.

As capas de xeo poden influírse entre si a grandes distancias debido á auga que flúe entre elas”, explica a autora principal do estudo, a investigadora de ciencias planetarias da Universidade  McGill (Canadá) Natalya Gomez. “É coma se estivesen a se comunicar a través dos cambios no nivel do mar”, engade.

O traballo, publicado na revista científica Nature, mostra que nos milenios previos ao máximo glacial, cando a capa de xeo eterno chegou tan ao sur como Alemaña, a capa xeada da Antártida expandiuse. Iso sucedeu hai uns 20.000 anos. Pero, desde entón, as masas xeadas do hemisferio norte fóronse retirando ata a súa situación actual, basicamente Groenlandia e o Ártico, chegando ao seu mínimo hai uns 6.000 anos. Todo o xeo de América do Norte e Eurasia acabou nos océanos en estado líquido. A elevación do nivel do mar foi de decenas a centenares de metros. En concreto, o océano Antártico chegou a elevarse 300 metros.

Na Antártida, gran parte do xeo é mariño, o que significa que se asenta sobre un leito rochoso que se atopa debaixo do nivel do mar e termina no océano circundante”, lembra Gomez. A dinámica do xeo antártico que hai máis aló da superficie terrestre depende moito da auga, como barreira e como axente  erosivo. “Se hai un aumento do nivel do mar, a perda de xeo no océano acelérase e o xeo retírase. E, se hai unha caída do nivel do mar no bordo da capa de xeo, ocorre o contrario”, detalla a investigadora.

O xeo antártico non avanza ou se retira soamente segundo lle vaia ao xeo do norte. Hai outros factores, como o clima que teñen un papel crave. O quecemento paralelo á  deglaciación tamén facilita a retirada da capa de xeo. Pero se se exclúe da ecuación o papel do hemisferio norte non se explica a dinámica antártica que mostran os rexistros xeolóxicos.

Atopamos un sinal moi variable de perda de masa de xeo nos últimos 20.000 anos, deixada polos icebergs que se desprenden da Antártida e se derriten nos océanos circundantes”, di nunha nota o investigador da Universidade d Bonn (Alemaña) e coautor do estudo Michael Weber. “Esta evidencia dificilmente podería reconciliarse cos modelos existentes ata que tomamos en conta como as capas de xeo en ambos os hemisferios interactúan entre si”, mantén.

Weber achegou ao estudo as súas análises de rochas recuperadas do fondo mariño da Antártida. Moitas delas son o que queda de vellos iceberg nos que quedaron atrapadas e que se  desgajaron da capa xeada. Canto máis profundas atópense no sedimento, máis antigas son. Ao extraer aneis de roca e analizalos, os investigadores poden saber cantas, cando e onde se separaron. Con esa información puideron determinar o ritmo e o grao do desxeo no pasado.

Estes resultados mostran o grao de interconexión entre os dous extremos do mundo. Tamén poden dar pistas do que vén no contexto do actual cambio climático. “Non está claro se esta conexión entre os polos será tan significativa no futuro”, aclara Gomez e explícao: “A capa de xeo de Groenlandia no hemisferio norte ten hoxe moito menos xeo do que había nas cubertas xeadas de América do Norte e Eurasia no último máximo  glacial. Pero un evento de perda de xeo o suficientemente rápido ou grande en Groenlandia aínda podería provocar ou amplificar a retirada da capa de xeo en determinadas zonas da Antártida”. E iso xa podería estar a suceder.

FONTE: Miguel Ángel Criado/elpais.es/ciencia

0 comentarios