ATOPAN DÚAS MONSTRUOSAS GALAXIAS, 62 VECES MÁIS GRANDES QUE A NOSA VÍA LÁCTEA
Estas son as dúss impresionantes radiogalaxias descubertas polo telescopio MeerKAT / I. Heywood (Oxford/Rhodes/SARAO)
Dúas xigantescas radiogalaxias acaban de ser descubertas grazas ás 64 antenas do poderoso telescopio MeerKAT, en Sudáfrica, no transcurso dunha investigación na que participaron unha trintena de astrónomos de institutos e observatorios de todo o mundo. Unha radiogalaxia é un tipo de galaxia activa que se caracteriza pola súa gran luminosidade nas frecuencias de radio, que emiten en forma de grandes e potentes chorros ou "jets". Os chorros fórmanse como consecuencia da interacción de partículas cargadas e poderosos campos magnéticos ao redor dos buracos negros supermasivos que se atopan nos corazóns desas galaxias.
As dúas novas radiogalaxias, con todo, destacan sobre todas as demais. En efecto, dos millóns de radiogalaxias atopadas ata o de agora só 800 son xigantes, e as dúas recentemente descubertas poderían ser os maiores obxectos individuais observados ata o de agora en todo o Universo. A pesar do seu gran tamaño, decenas de veces maiores que a nosa Vía Láctea, esta poboación galáctica resulta difícil de detectar, xa que a súa luz tenue e difusa está máis aló do alcance da maioría dos telescopios.
En palabras da investigadora e autora principal do estudo recentemente publicado en Monthly Notices of the Royal Astronomical Society, "atopamos estas radiogalaxias xigantes nunha rexión do ceo que ten só catro veces a área da Lúa chea. Segundo o noso coñecemento actual da densidade de radiogalaxias xigantes, a probabilidade de atopar dúas delas nesta rexión tan pequena é de menos do 0,0003%. E iso significa que as radiogalaxias xigantes son probablemente moito máis comúns do que pensabamos!".
O achado brinda aos astrónomos novas pistas sobre como as galaxias evolucionan, e tamén desvela o misterio do enorme tamaño e da idade dalgunhas radiogalaxias, que se cre que se atopan entre as máis antigas do Universo.
As dúas galaxias en cuestión están a varios miles de millóns de anos luz de distancia de nós. Estas dúas galaxias son especiais porque atópanse entre as máis grandes coñecidas, e no 10% superior de todas as radiogalaxias xigantes. Teñen máis de 2 megaparsecs de diámetro, o que equivale a uns 6,5 millóns de anos luz, unhas 62 veces o tamaño da Vía Láctea.
A razón pola que só unhas poucas entre os millóns de radiogalaxias coñecidas alcanzan tamaños tan xigantescos segue sendo un misterio. Crese que as máis grandes son tamén as máis antigas, e se iso é certo, deberían de existir moitas máis que os poucos centos que se coñecen actualmente.
FONTE: José Manuel Nieves/abc.es/ciencia
0 comentarios