Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... (O CUCO)

 

O cuco (Cuculus canorus) é unha ave da familia Cuculidae, pertencente á orde zoolóxica das Cuculiformes.

Os nomes vulgar e científico da especie teñen a súa orixe no canto característico do macho.

Son aves duns 34 cm de lonxitude e patas fortes, que cando voan recordan ós gabiáns, malia voaren coas alas por debaixo da horizontal.

Poden chegar a idades de 16 anos.

Son migradores de longa distancia, que teñen os seus cuarteis de inverno no leste de África. A viaxe de volta ós territorios de reprodución comeza en marzo. A fins deste mes chegan ao sur de Europa, é as rexións máis setentrionais son alcanzadas a mediados de xuño.

A súa fonte principal de alimentación son os insectos. As larvas de bolboreta, especialmente as que teñen pelos, que non son consumidas por outras aves, constitúen unha parte grande da súa dieta. Comen ademais escaravellos, libélulas, saltóns e outros insectos.

Caracterízase polo parasitismo da súa conduta reprodutora. As femias poñen os seus ovos nos niños de aves paseriformes, cada un nun niño distinto. En xeral, cada femia ten preferencia polos niños dunha especie, aquela que a criou cando ela mesma naceu. As femias pasan moito tempo observando a conduta dos posibles pais adoptivos mentres estes están a construír os seus niños e a poñer os ovos, sicronizando a súa posta co momento en que a especie parasitada empeza a poñer. No momento axeitado, as femias de cuco voan ao niño escollido, sacan do niño un dos ovos e poñen o seu. O proceso dura poucos segundos.

Na nosa terra, a chamada do cuco simboliza a chegada da primavera, polo que está presente en numerosas tradicións locais, refráns e frases feitas. A modo de exemplo iste frefrán: Se, entre Marzo e Abril, o cuco non vén, é que o cuco é morto ou a fin quere vir.

FONTE: gl.wikipedia.org

0 comentarios