SABÍAS QUE... (A CANDORCA)
A candorca (Orcinus orca), é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Orcinus.
Con frecuencia chámaselles "baleas asasinas" (tradución do inglés killer whales), aínda que non son baleas (son golfiños moi grandes), nin, moito menos, asasinas (son, simplemente depredadores).
Estes animais caracterízanse por teren o dorso negro e a zona ventral branca. Teñen tamén manchas brancas na parte lateral posterior do corpo, así como por riba e detrás dos ollos, o mento, a gorxa e o tórax, que se prolonga estreitándose polo ventre e se ensancha nos flancos. Detrás da aleta dorsal teñen unha mancha gris variable, en forma de sela.
O corpo é pesado e engrosado, e teñen unha aleta dorsal moi alta, a maior do reino animal, que pode medir ata 1,8 m de altura (maior e máis erecta nos machos de maior idade que nas femias).
Os machos poden medir ata 9,5 m de lonxitude e pesar de 2,6 a 9 t.; as femias son menores, chegando aos 8,5 m e 5 t., respectivamente. As crías nacen con preto de 180 kg e miden preto de 2,4 m de lonxitude.
As candorcas macho de maiores dimensións teñen un aspecto distinto que non dá marxe a confusións ao identificalos. Con todo, vistas á distancia en augas temperadas, as femias e as crías poden confundirse con outras especies, como a falsa candorca ou o golfiño Grampus griseus (un caldeirón gris).
As femias alcanzan a madurez sexual aos 15 anos de idade. A partir desa idade, teñen períodos de ciclo poliestral (celo regular e continuo) con períodos sen o ciclo estral que poden durar de tres a dezaseis meses. As femias poden dar á luz unha soa cría, unha vez cada cinco anos.
A mortalidade dos recentemente nacidos é elevada. As crías son aleitadas ata aos dous anos de idade, mais con doce meses xa se alimentan de comida sólida.
As femias son fértiles ata aos 40 anos, o que, por termo medio, significa que poden ter ata cinco crías. A esperanza de vida das femias é, xeralmente, de cincuenta anos, aínda que en casos excepcionais poden vivir ata os noventa. Os machos son sexualmente activos con 15 anos de idade e chegan a vivir ata os 30 anos (ou ata os 50, en casos excepcionais).
É o membro de maior tamaño dos chamados golfiños oceánicos e é un poderoso e versátil depredador que pode cazar peixes, pinnípedes como focas, cefalópodos, aves, tartarugas e, cazando en grupo, presas de maior tamaño, como morsas e incluso baleas. Está, polo tanto, no cumio da cadea trófica oceánica.
Poden atoparse en calquera dos océanos. Viven tanto en mar aberto coma xunto ao litoral, coma últimamente en Galicia.
Teñen unha vida social complexa, baseada na formación e mantemento de grupos familiares de 3 a 150 individuos, pero ás veces poden reunirse varios destes noutros máis amplos.
Comunícanse a través de sons e adoitan viaxar en formacións que asoman ocasionalmente á superficie.
Non se ten coñecemento de ataques a seres humanos no medio natural, aínda que se saiba dalgúns casos de agresións aos seus adestradores en delfinarios.
FONTE: gl.wikipedia.org Imaxe: gl.wikipedia.org
0 comentarios