TODO O QUE ESCONDE O NOME DAS PLANTAS
A ciencia que estuda a clasificación e denominación das plantas é a botánica sistémica, que abarca, á súa vez, a nomenclatura e a taxonomía. A nomenclatura é a responsable dos nomes que designan ás plantas, os cales deben de cumprir certas normas que figuran no Código Internacional; pola súa banda, a taxonomía encárgase da súa clasificación.
Evidentemente o nome das plantas non foi sempre o mesmo. Na antigüidade o primeiro que realizou unha clasificación exhaustiva do reino vexetal foi Aristóteles (384 a. de C.-322 a. de C.). Crese que escribiu dous libros de botánica (’Sobre as plantas’ e ’Pranchas anatómicas’) onde dividiu o reino vexetal en dous grandes grupos: plantas con flores e plantas sen flores. Máis adiante o seu alumno Teofrasto (371-286 a. de C.) clasificaríao en árbores, arbustos, subarbustos e herbas. O médico romano Dioscórides (40-90) foi o primeiro en describir plantas exóticas e clasificar as plantas medicinais en función da súa semellanza e non por orde alfabética. A súa obra ’Materia Médica’ foi o texto fundamental da farmacoloxía para os estudantes de medicina ata finais do século XVI.
Na Idade Media o bispo Alberto Magno (1193-1280) distinguiu as plantas “sen follas” (onde se inclúen boa parte das criptógamas) das plantas “con follas”. Estas última, á súa vez, clasificounas en “corticadas” (máis adiante chamaríase monocotiledóneas) e “tunicadas” (as futuras dicotiledóneas).
A gran labor de clasificación botánica chegou, con todo, no século XVIII da man do botánico e naturalista sueco Carl von Linneo (1707-1778) ao crear a nomenclatura binomial, formada polo xénero (coa letra inicial en maiúscula) e o epíteto ou nome específico, sempre en minúscula.
A etimoloxía da nomenclatura binominal é dunha riqueza extraordinaria. Nalgún caso os prefixos utilizados denotan a ausencia dalgunha característica das plantas, por exemplo, inermis, desarmada, sen espiñas ou aphyllus, sen follas. Noutras ocasións descóbrenos algún hábito da planta, así, o nome científico do cacahuete é Arachis hypogaea, do grego hypo, debaixo, e gaia, terra.
O epíteto officinalis significa literalmente pertencente á oficina, en referencia ao almacén dos mosteiros medievais. Cando Linneo escribiu ’Systema naturae’ (1735) decidiu utilizar este adxectivo para referirse a aquelas plantas que tivese un uso medicinal. Na longa listaxe das officinalis atopámonos coa lavanda (Lavandula officinalis), o romeu (Rosmarinus officinalis), a valeriana (Valeriana officinalis) ou a herba xabroneira (Saponaria officinalis).
Moitas orquidáceas foron nomeadas como Epidendrum, un nome xenérico que procede do grego ept, sobre, e dendron, árbore, referíndose ao hábito epifítico -de soporte- destas flores. Próximo, etimolóxicamente, a este nome está o de Philodendron, que deriva do grego philos, amor, e dendron, árbore, é dicir, os amantes das árbores, en alusión ao hábito trepador dalgunhas das plantas.
Outras plantas acompáñanse do cualificativo sativa, que indica que se cultivaron ou se seguen cultivando, a diferenza daquelas que son silvestres. Así por exemplo, temos a avea (Avea sativa), o arroz (Oryza sativa) ou a rúcula (Eruca sativa).
Hai outras que delatan unha orixe divina, por exemplo Agave, que significa ilustre e que fai honra á filla do rei Cadmo de Tebas e da deusa Harmonia; Artemisia, en alusión á deusa Artemisa, Centaurea, que fai referencia aos seres mitolóxicos metade home e metade cabalo ou as apollonias, un nome xenérico dedicado a Apolo.
Unha das plantas máis apreciadas polas culturas precolombinas azteca e maia foi o cacahuatl, cuxo orixe era atribuído aos deuses ata o punto que os aztecas o usaron como moeda. Linneo decidiu outorgarlle o nome xenérico de Theobroma, do grego alimento dos deuses e o epíteto específico cacao, de forma que á planta da cal procede o chocolate coñécella como Theobroma cacao.
Para finalizar, o nome científico do millo é Zea mays, do grego zeo, que significa vivir, e da palabra taína mahís, que se podería traducir como o que sustenta a vida. Un nome moi afortunado, xa que actualmente o volume de produción mundial desta gramínea, que foi introducida en Europa no século XVII, é maior que o do trigo ou o do arroz.
FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia Imaxe: wikipedia.org
0 comentarios