SABÍAS QUE... A CURUXA
A curuxa (Tyto alba) é unha rapaz nocturna da familia Tytonidae de tamaño medio. Mide uns 35 cm de altura, o longo dun xornal. As femias adoitan ser un pouco máis grandes que os machos, posúen a parte superior do corpo de cor ocre dourado, salpicado de numerosas motas en tons gises, mentres que a parte ventral é branca, e do mesmo xeito que a parte dorsal, está punteada de pintiñas grises, sendo as das femias máis numerosas e grandes.
Presenta un característico disco facial en forma de corazón, que actúa de antena parabólica captando e distribuíndo o son cara aos oídos, cuxo sentido está enormemente desenvolvido. Da súa cara tamén destaca a posición frontal dos seus ollos, o que lles permite calcular a profundidade e ver en tres dimensións. Os seus ollos son completamente negros, a diferenza dos dos bufos, que son amarelos, e teñen a peculiaridade de que non moven o globo ocular, co que para ver lateralmente teñen que virar a cabeza. Para iso, o pescozo permítelles movementos de ata 180º a cada lado. Os seus ollos son o dobre de sensibles á luz que os nosos, o que lles permite ver na escuridade.
O seu voo é incriblemente silencioso grazas ás súas plumas, que teñen unha estrutura especial que permite que a fricción co aire sexa amortecida. Isto permítelles aproximarse ata as súas presas sen ser detectadas.
Aliméntanse principalmente de micromamíferos, como ratos ou pequenas toupas, o cal a converte nunha gran aliada do agricultor. Engolen ás súas presas enteiras, pero non dixiren a pel, nin o pelo nin os ósos, así que os expulsan mediante egagrópilas, que son estes refugallos regurgitados en forma de bólas.
Mostran unha clara preferencia por instalarse en lugares humanizados, con abundancia de campiñas e pasteiros para cazar. Aniña en campanarios, faiados, celeiros, naves, ruínas, etc.
Son incriblemente fieis ás súas parellas. Durante o cortexo, o macho realiza exhibicións de voo á femia, e antes de que esta comece a posta de ovos, el obséquiaa cunha presa. Ela pon entre 4 e 6 ovos, e entre a posta dun ovo e outro pasan dous ou tres días. A femia incúbaos durante pouco máis dun mes, mentres o macho dedícase a conseguir alimento para ambos. Unha vez nacidos as crías, encárganse os dous adultos de fornecer comida ás crías. Varios estudos reflectiron que nos 3 meses que dura a reprodución, unha parella é capaz de achegar ao niño máis de 1.000 roedores.
Permanecen toda a súa vida no mesmo territorio, sempre que o seu hábitat non sexa alterado.
Coma outras aves de rapina nocturnas, pero especialmente no seu caso por ser unha seguidora da agricultura, a curuxa está asociada con moitas supersticións. En moitas rexións o seu berro considérase desavegoso e anuncio dunha morte próxima. Cravábanse curuxas enriba das portas para protexer as casas do lóstrego e as desgrazas. Pola contra, noutras zonas o seu papel coma cazadora de ratos fixo que se lle facilitaran furados axeitados en edificios para que puideran criar.
FONTE: orballo.eu e gl.wikipedia.org
0 comentarios