A ORIXE DAS PALABRAS: CANELA
A caneleira (Cinnamomum zeylanicum ou Cinnamomum verum) é unha árbore tropical da familia das lauráceas. Ten a folla perenne, duns 10–15 m; é orixinaria da Sri Lanka (antiga Ceilán). Aprovéitase como especia a súa codia interna desecada, chamada canela verdadeira, extraída pelando as pólas e se emprega en rama ou moída (en po).
A canela é unha especia que o mesmo serve para aromatizar un arroz con leite que para darlle un toque exótico a unha carne asada.
A palabra canela tomámola prestada do francés antigo canele alá polo século XIII. É un diminutivo de cana, pola forma que adopta esta cortiza de árbore cando se seca (a famosa canela en rama). É posible que a súa orixe última estea no italiano cannella (‘caniña’), aínda que isto non é seguro.
Nas linguas románicas esta imaxe da canela como cana desprazou á denominación latina, que era cinnamum. Por iso, hoxe en español, galego e portugués dise canela; en francés, cannelle; en catalán, canyella; e en italiano, cannella.
O latín cinnamum tamén ten a súa historia. Este nome era un préstamo do grego kínnamon. Os gregos, á súa vez, aprenderan a palabriña en cuestión dos fenicios, que falaban unha lingua semítica, irmá do hebreo. Neste último idioma, para comparar, canela dise qinnamôn.
Curiosamente, onde se conservou o nome latino é nalgunhas linguas xermánicas. O inglés mantense moi próximo co seu cinnamon. En alemán a evolución foi máis radical, pero detrás da palabra Zimt, o que se esconde é o latín cinnamum (> zinemin > zinment > zimet > Zimt).
A canela é deliciosa en si e de seu, pero estou seguro de que apreciarás mellor o seu aroma agora que coñeces a orixe do seu nome.
FONTE: gl.wikipedia.org e blog.lengua-e.com
0 comentarios