OS GRAOS CENTÍGRADOS NON EXISTEN
Escalas termométricas / Imaxe: www3.gobiernodecanarias.org
Os graos centígrados desapareceron hai moito tempo, en 1948, como unidade de medida para ser substituídos polo grao Celsius, que é, xunto co kelvin, a unidade de medida da temperatura no Sistema Internacional de Unidades, o que rexe en España. Un repaso ao que ocorreu nos últimos séculos coas unidades de medida da temperatura explícanos por que é tan frecuente que oiamos ou leamos graos centígrados a pesar de que se trata dun erro.
A finais do século XIX, o Comité Internacional de Pesas e Medidas adoptou, como escala termométrica normal para a Oficina Internacional de Pesas e Medidas (BIPM), a escala centígrada do termómetro de hidróxeno de volume constante, que tiña como puntos fixos a temperatura do punto do xeo fundente (0 °C) e a da auga destilada en ebulición (100 °C). A partir dese momento, a unidade de temperatura sería o “grao centígrado” e correspondería á centésima parte da diferenza (a presión normal) entre os puntos de fusión do xeo e de ebulición da auga.
E o grao centígrado continuou sendo utilizado como unidade de temperatura ata que en 1948 o Comité Consultivo de Termometría discutiu acerca da necesidade de substituír o punto do xeo, cunha reproducibilidade da orde da milésima de grao, polo punto triplo da auga, mellor definido e cuxa reproducibilidade era, naqueles momentos, da orde da dez-milésima de grao. Tamén se estudou a posibilidade, sinalada xa desde 1854 por Lord Kelvin, de definir a temperatura termodinámica mediante un único punto fixo, en lugar de definila polo intervalo de 0 a 100. Finalmente esta “revolucionaria” idea foi aprobada, despois de moitas discusións, e o punto triplo da auga converteuse no alicerce da escala de temperatura, ao que se lle asignou o valor de 0,01 °C (ou o que é o mesmo, 273,16 K). O punto triplo é aquel en o que coexisten en equilibrio o tres estados dunha sustancia: líquido, sólido e gaseoso e defínese con respecto a unha temperatura e a unha presión. No caso da auga é, como dicíache, 273,16 kelvin e como é un valor constante sérvenos para calibrar os termómetros.
A Conferencia Xeral de Pesas e Medidas de outubro de 1948 aceptou o principio do punto fixo único e decidiu substituír o nome de “grao centígrado” por “grao Celsius” en honra de Anders Celsius, físico, astrónomo e termometrista sueco que ideou a escala centígrada. O grao Celsius escríbese co símbolo °C. A procura dun novo nome para a unidade de temperatura debeuse a que desde o momento no que se aceptou o punto triplo como referencia e abandonouse o sistema de dous puntos entre 0 e 100, a escala deixou de ser centígrada e mantela con ese nome podía levar a confusión. Por esa razón desde 1948 os graos centígrados non existen.
En novembro de 2018 reuniuse a 26ª Conferencia Xeral de Pesas e Medidas e nela decidiuse abandonar tamén o punto triplo da auga como referencia. Desde entón a nova definición da unidade de medida de temperatura baséase nun valor numérico exacto da constante de Boltzmann, polo que ten aínda menos sentido o termo “grao centígrado”, xa que nin sequera úsase o punto triplo da auga na definición.
FONTE: Dolores del Campo/elpais.com/ciencia
0 comentarios