Blogia
vgomez

UN INSECTO PAU, METADE MACHO, METADE FEMIA

O insecto pau Diapherodes gigantea, que chega aos 15 cm no caso das femias (cunhas antenas duns 7 centímetros), de cor verde intenso e que non pode voar, é orixinario das selvas das Antillas menores (das illas San Vicente, Selecta e Santa Lucía do Caribe). En cativerio, considéranse mascotas relativamente fáciles de manter, alimentándose de follas de silvas, eucaliptos ou carballos.

Neste caso, Charlie, como así se chama este insecto pau xigante verde doméstico, mostrou as súas verdadeiras cores tras mudar a súa pel na súa casa en Suffolk, revelando o primeiro exemplo de xinandromorfismo desta especie ao presentar o corpo verde brillante dunha femia e as ás marróns dun macho. O lado esquerdo non é tan ancho como unha femia adulta típica, pero si é máis ancho que un macho normal.

Lauren Garfield, a súa propietaria, estrañouse moito ante esta distinta coloración e decidiu publicalo a través das súas redes sociais. Logo, Garfield púxose en contacto con Paul Brock, un experto en insectos do Museo de Historia Natural, e despois de intercambiar fotografías, accedeu a enviarlles coidadosamente a Charlie para que o examinasen.

"É un espécime particularmente impresionante", expuxeron os expertos do Museo de Historia Natural de Londres.

En particular, o insecto pau Charlie é un exemplo claro de xinandromorfo bilateral; isto é, cando as dúas metades do corpo parecen expresar características sexuais diferentes. O seu lado esquerdo é de cor verde brillante e presenta ás anteriores curtas, típicas das femias, mentres que o lado dereito é marrón con ás anteriores máis longas, como é de esperar nun macho.

A propietaria Lauren Garfield doou a súa mascota ao museo de Londres para a investigación científica que terá que ser sacrificada para estudala adecuadamente. A súa esperanza de vida habitual é dun ano.

FONTE: Sarah Romero/muyinteresante.es/naturaleza          Imaxe: Paul Brock

0 comentarios