CASTROS DE GALICIA VII
Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Fazouro.
Este castro sitúase sobre a Punta Fazouro ou Punta do Castro, en Foz (Lugo), xunto á praia de Area Longa. Trátase dunha pequena punta que pentra uns metros no mar e cunhas condicións naturais defensivas favorables para albergar un poboado de orixe castrexo.
É un dos castros costeiros máis escavados de toda a costa cantábrica galega. Podemos ver as murallas, o foso e parte das vivendas de forma rectangular salvo unha que se conservou de forma ovalada. O motivo destas construcións rectangulares é que estas pertencen ao período final de ocupación (s.III) e por esas datas, debido á romanización, xa se abandonou a construción de vivendas circulares.
O poboado ten forma pentagonal e unha das puntas que penetra no mar foi o lugar elixido para realizar as escavacións que puxeron ao descuberto unha gran cantidade de estruturas arquitectónicamente ben conservadas. Neste lugar poderemos ver un gran foso escavado na rocha e o aspecto ondulado que presentaba o terreo que segundo algúns estudos testemuñan que o castro na súa orixe penetraríase no mar uns 30 metros máis e que este terreo perdeuse por mor da erosión. Púidose comprobar a existencia duns chanzos de lousa na parede dunha vivenda que fan probable a existencia dunha segunda planta na edificación, caso novo na época.
Supónselle unha ocupación entre os séculos II a.C e III d. C. Nestas últimas épocas a existencia de poboados xunto ao mar fíxose moi difícil debido ás incursións mariñas de piratas e outros invasores que empezaban a saquear as nosas costas polo que tiveron que afastarse algo do mar. O castro ocupa unha extensión aproximada de 7.000 m2 aínda que actualmente só hai escavada un sete vivendas.
Mañá outro castro!
0 comentarios