CASTROS DE GALICIA X
Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Borneiro.
O castro de Borneiro ou da Cibdá é un castro datado a finais da Idade de Bronce, pertencente á coñecida como Cultura castrexa. Sitúase na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños-A Coruña).
Foi o primeiro castro en ser datado cientificamente co método do carbono-14 en Galicia. Estivo habitado entre os séculos VI a.C. e o I d.C., pero non se observaron sinais de romanización. A súa localización é un tanto atípica, nunha ladeira orientada ao leste que baixa cara a un regato, a unha altura de 200 metros.
Presenta escavadas un total de 36 construcións, case as tres cuartas partes da súa extensión total. As vivendas son circulares e cuadrangulares coas esquinas redondeadas, de gran tamaño en comparación coas doutros castros.
A acrópole está rodeada por un foxo e dous muros defensivos en todo o seu perímetro, excepto no lado leste onde a acentuada pendente do terreo actúa como defensa natural, cunha extensión de 90 metros de longo por 55 de largo.
Ademais do recinto principal hai unha zona coñecida como o Barrio Extramuros, no lado leste, coincidindo coa entrada principal do poboado. É un conxunto formado por unha gran casa ovalada, dúas fontes con desaugadoiro e un forno circular que debeu estar cuberto cunha bóveda.
Os seus habitantes eran agricultores (cereais, legumes) e gandeiros (vacas, cabalos, porcos, ovellas), como o demostra o descubrimento de varias pezas cerámicas e de bronce que utilizaban no seu labor diario. Debido á proximidade do mar é moi probable tamén que realizasen actividades de pesca e marisqueo. Home e muller repartíanse as tarefas e os bens nunha sociedade onde a idade era un dos maiores rangos.
Mañá outro castro!
0 comentarios