Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... A SERPE MÁIS GRANDE

A anaconda común (Eunectes murinus) rivaliza co pitón reticulado (Python reticulatus) polo título de serpe máis grande.

Anaconda verde (Eunectes murinus) e Pitón reticulado (Python reticulatus)

A anaconda verde (Eunectes murinus) é unha serpe constritora da especie das boas. Cunha lonxitude que nas femias pode superar os sete metros de lonxitude, e un grosor que pode acadar os trinta centímetros, este animal pode chegar a pesar ata douscentos cincuenta quilogramos. Cunha alimentación estritamente carnívora, pode chegar a engulir caimáns de talle medio, capibaras adultas (o roedor máis grande que existe, con ata sesenta quilos de peso), felinos etc. Habita á beira das augas ou mergullada en ríos e lagos, primordialmente nas cuncas do Amazonas e do Orinoco, pois ten unha grande habilidade natatoria. Animal ovovivíparo ten niñadas de 20 ou 40 exemplares que nacen en febreiro ou marzo.

O pitón reticulado (Python reticulatus) é unha cobra pertencente á familia Pythonidae, propia do Sueste asiático e a Wallacea. Hai estudos xenéticos que afirman que o xénero Python é parafilético e que esta especie debe pertencer a un xénero novo, Malayopython. É a cobra cos exemplares de máis lonxitude que se coñecen, podendo exceder algúns os 8 m e 135 kg de peso, pero en catividade raramente superan os 6,5 metros.

Existe un debate aínda sobre cal é a meirande. Algúns están a favor da pitón e outros da anaconda. A anaconda é a serpe máis pesada; porén, os exemplares máis longos atopados foron de pitón reticulado.

FONTE: gl.wikipedia.org              Imaxes: gl.wikipedia.org


0 comentarios