PRIMEIRO VÍDEO DUNHA TORMENTA DE VENTO E PO EN MARTE
As tormentas de vento e po en Marte son un fenómeno usual do que tiñan constancia os científicos. Con todo, ata o de agora non se puideron filmar. Foi o rover Perseverance, da NASA, o encargado de levar a cabo a primeira película na que se ve a superficie real do Planeta Vermello azoutada por remuíños de po que se elevan no aire.
Un artigo publicado en Science Advances explica todos os fenómenos meteorolóxicos observados polo rover nos primeiros 216 días ou soles marcianos. Os novos achados permiten aos científicos comprender mellor os procesos do po en Marte e contribuír a un corpo de coñecemento que algún día podería axudalos a predicir as famosas tormentas de po marcianas, e que representan unha ameaza para os futuros exploradores humanos e robóticos.
Perseverance realizou estas observacións coas cámaras do rover e un conxunto de sensores pertencentes ao Mars Environmental Dynamics Analyzer (MEDA), un instrumento científico dirixido polo Centro de Astrobioloxía de España en colaboración co Instituto Meteorolóxico de Finlandia e o Laboratorio de Propulsión a Reacción da NASA. MEDA inclúe sensores de vento, sensores de luz (que poden detectar remuíños a medida que dispersan a luz solar ao redor do rover) e unha cámara orientada cara ao ceo para capturar imaxes de po e nubes.
Perseverance amarizou no cráter Jezero, o 18 de febreiro de 2021, no Syrtis Major, que no pasado albergou un lago.
0 comentarios