SORPRENDENTE VISISTA A GUARDA DUN FLAMENGO COMÚN
A súa visita foi tan inesperada como sorprendente. Coas súas patas longas e o seu corpo esvelto, un exemplar de flamengo común (Phoenicopterus roseus) paseou onte pola tarde polo porto da Guarda. Segundo trasladan dende Anabam, a asociación que deu o aviso, nas primeiras horas desta mañá o animal continuaba no porto. Ao parecer, trátase do segundo exemplar desta especie que visita o Baixo Miño, segundo os rexistros do colectivo. A primeira delas notificouse en setembro de 2016. Amais disto, segundo indican dende o proxecto A Chave, a súa presenza en Galicia é moi rara e cunha presenza irregular.
Dende logo, o flamengo está a espertar a curiosidade dos habitantes e visitantes da Guarda, converténdose en toda unha atracción. Isto débese a que non son habituais na zona. De feito, Anabam cre que o flamengo pode proceder da ría de Aveiro, que é o punto máis próximo á Guarda dende o que se ven estes animais, que está a 125 quilómetros de distancia. Malia isto, advirten que non se poden descartar outros lugares. Ademais, dende a asociación invita a observar a ave, aínda que alertan de que, no futuro, é probable que os vexamos con máis frecuencia.
FONTE: gciencia.com Vídeo: Agustín Ferreira Lorenzo
0 comentarios