Blogia
vgomez

CINCO ANIMAIS CON BIOLUMINISCENCIA II

Peixe dragón (Aristostomias scintillans) / Audrey Velasco-Hogan/AP

Nas zonas abisais do mar, no escuro abismo onde o sol non chega, existe un estraño ecosistema composto, principalmente, por animais emicroorganismos que se alimentan de todo aquilo que precipita das partes onde hai máis luz, e outros animais que se comen a estes primeiros. Gran parte deses animais son cegos, pero non todos. De feito, algúns peixes utilizan a luz que emiten como forma de comunicación, reclamo, ameaza, ou como cebo para atraer ás súas presas.

Algúns non emiten luz por si mesmos, senón que conteñen uns órganos baixo a súa pel nos que manteñen colonias de bacterias luminosas en simbioses. Aínda que, moitos outros, como os peixes sapo do xénero Porichthys si teñen un mecanismo propio de emisión de luz.

Entre estes peixes luminosos están os peixes víbora, os peixes dragón, os peixes demo, e moitos outros animais de non menos aterradores nomes, que fan honra á súa nomenclatura co seu aspecto horrible. Criaturas que parecen deseñadas por H. R. Giger ou extraídas dalgunha novela de H. P. Lovecraft, e que poderían poboar os pesadelos de quen os vexa… se non fóra polo seu tamaño, a maioría caben na palma dunha man.

Criaturas dun aspecto case alieníxena, que poboan un mundo completamente distinto ao que coñecemos; un mundo de auga e escuridade, cunha presión que esmagaría a un ser humano; un mundo hostil no que calquera criatura pode converterse en presa doutra máis grande. Grandes ollos que distinguen cores, e bocas descomunais, con dentes longos e irregulares, transparentes, e afiados como agullas.

Terrores escondidos nas tebras, enmascaradas polo cegador brillo de luces danzarinas, fermosas e atractivas, que destacan na escuridade.

Continuará...

FONTE: Vary (Álvaro Bayón)/muyinteresante.es/naturaleza

0 comentarios