Blogia
vgomez

LENDA: A FONSAGRADA

Era noite pecha, o candil tremelucía no muro, a cheminea estaba acesa e o vento, furioso, estrelaba a choiva contra os cristais. Entón, a miña avoa bebeu un vaso de auga da Fonsagrada e dixo que me debía un conto, porque quen quixer que bebese auga desa fonte debía contar un. E, así, contoume esta historia.

Preto da Pobra de Burón había un pequeno manancial no que unha fermosa nena lle ofrecía auga fresca a todo o que pasase por alí a cambio de que lle contase un conto. Peregrinos, ferreiros, arrieiros, facían un alto no seu camiño para gozaren da auga fresca e entreterse e deleitaren os demais coas súas historias.

Tantas foron as boas xentes, tantos os relatos, tal a algueirada, que os da Pobra advertiron o negocio e abriron unha panadería, logo unha tenda e despois unha pousada. Ao pouco tempo, todo o pobo se trasladou alí.

Un día, na igrexa, o cura viu a nena contándolle á Virxe os relatos dos viaxeiros. “Por que fas iso?”, preguntoulle. “Porque a Virxe díxome que está moi soa e triste e quere saber da xente”, contestou a nena.

Entón, o pobo construíulle unha capela na Fonsagrada. A auga abrollou con abastanza e comezou unha época de feliz prosperidade para todos.

FONTE: syngenta.es/almanaque-agricola-2022

0 comentarios