SABÍAS QUE... COMO CONVENCER A UN TERRAPLANISTA DE QUE A TERRA É ESFÉRICA?
Unha fotografía da Terra tomada pola misión Apollo 10 a 161.000 quilómetros de distancia / NASA
En realidade, os que terían que refutar a esfericidade da Terra son os terraplanistas, porque a evidencia actual é que a Terra é redonda. Os humanos exploramos e medimos o planeta xa de mil maneiras, hai voos de avións diarios entre todos os puntos do mapa e as distancias son ben coñecidas. Hai uns 5.000 satélites que orbitan ao redor da Terra e sacan fotografías diarias nas que se ve que é redonda, pero moitos terraplanistas afirman que todas esas fotos son falsas. É dicir, que esta discusión deixa de ser unha cuestión científica se non hai confianza nas evidencias que propoñen os demais. Na miña opinión, é coma se todos tivésemos unha laranxa diante e os terraplanistas dixesen que o que se ve non é crible e seguisen afirmando que en realidade a laranxa é plana.
Sábese que a Terra é esférica desde hai máis de 2.000 anos, moito antes dos satélites e da primeira volta ao mundo. Hai moitas evidencias matemáticas que calcularon os gregos cos seus coñecementos de xeometría e navegación. Con todo, para contestar á túa pregunta busquei argumentos sinxelos, facilmente comprobables na vida diaria e que non cadrarían nunha Terra plana. Hai moitos, pero vou contarche cinco:
Primeiro: todos sabemos que canto máis alto subimos, máis lonxe podemos ver. Se a Terra fose plana, isto non sería así. Nunha Terra plana terías que ver ata o final da Terra en calquera sitio sen relevo, como o mar, por exemplo. Desde Galicia deberías ver América cun telescopio o suficientemente potente, pero non é posible pola curvatura da superficie da Terra. Como isto sábese desde antigo, os faros póñense no alto dunha torre para que sexan visibles desde maior distancia. E ao revés, se estás nun porto e ves chegar un barco, primeiro ves aparecer a parte máis alta do barco, o mastro; daquela as velas e por último, o casco.
Segundo: as horas de saída e posta de sol son distintas en cada lugar do mundo. Se o pensas, isto tampouco sería así nunha Terra plana. É máis, e en relación co punto anterior, a hora á que se pon o sol en cada lugar tamén depende da altura desde a que esteas a mirar ao horizonte. Isto téñeno moi ben estudado os musulmáns. Hai dispoñibles na internet táboas cos horarios da posta de sol en case cada lugar do mundo para saber exactamente cando poden terminar o xaxún durante o Ramadán. Se buscas esas táboas para Dubai, advírtenche ao principio de que no edificio Burj Khalifa, que mide 828 metros de altura e é o máis alto do mundo, o sol ponse tres minutos máis tarde na planta máis alta que na planta baixa. Isto tampouco ocorrería nun planeta plano.
Terceiro: a auga do sumidoiro. Nunha Terra plana e sen rotación a auga debería caer no sumidoiro directamente cara ao centro, en todas partes por igual, pero non é así. Cando baleiras un lavabo (mellor se é unha piscina grande e redonda) fórmase un remuíño polo efecto Coriolis que só se pode explicar polo movemento de rotación da Terra. Os terraplanistas poderían dicir que unha Terra plana tamén podería rotar sobre o seu eixo e que iso podería xerar un remuíño como o que vemos. O problema é que os remuíños das piscinas viran en dirección contraria nun e outro hemisferio (tamén as borrascas e os anticiclóns). Para iso, nunha Terra plana necesitariamos dous polos de rotación contrarios que afectasen á metade da Terra cada un.
Cuarto: o movemento do ceo nocturno. Este argumento é parecido ao anterior. No hemisferio norte todo o ceo nocturno xira ao redor da estrela Polar no sentido antihorario, mentres que no hemisferio sur todo xira ao redor da Cruz do Sur en sentido contrario. Para que iso fose así nunha Terra plana, terías que ter dúas esferas celestes, unha para cada hemisferio, virando en sentido contrario.
Quinto: a duración das viaxes longas é distinta se viaxas cara ao leste ou cara ao oeste. Este feito non ten ningunha explicación nunha Terra plana. Vou poñer dous exemplos moi diferentes, pero ambos teñen que ver cunha Terra esférica que rota sobre si mesma. Un exemplo bastante cotián é que o voo de Madrid a Nova York é máis longo que o de Nova York a Madrid, e isto é porque o de volta está axudado pola corrente de chorro que viaxa cara ao leste e que ten a súa orixe na rotación da Terra. O outro argumento, algo máis afastado pero moi curioso, é o paradoxo do circunnavegante. Este paradoxo consiste en que se dás a volta ao mundo, non tardas o mesmo se vas cara ao oeste que se vas cara ao leste. Neste caso, non importa canto tempo léveche dar a volta completa, se viaxas cara ao leste gañas un día, como Phileas Fogg na novela de Julio Verne, mentres que se viaxas cara ao oeste pérdelo, como lles pasou a Elcano e os seus tripulantes ao terminar a primeira circunnavegación. Este paradoxo é imposible de explicar nunha Terra plana na que o sol sae á vez para todos e todos comparten a mesma data do calendario.
FONTE: Tradución do artigo de María Belén Muñoz García (doutora en Xeología, profesora e investigadora da Facultade de Ciencias Xeológicas da Universidade Complutense de Madrid) en el diario El País, el pasado día 5 de agosto.
0 comentarios