APARECE UN FÓSIL DE DINOSAURO QUE AÍNDA CONSERVA A PEL
En 2019, varias institucións uníronse para promover traballos de campo no Parque Provincial dos Dinosauros de Alberta, en Canadá. A Universidade de Reading (Inglaterra), a Universidade de Nova Inglaterra (Australia) e o Museo Royal Tyrrell (Canadá) planificaron estas exploracións para que fosen levadas a cabo por estudantes de paleontoloxía. A pandemia provocada pola COVID-19 atrasou un pouco o asunto, pero en 2021 despregouse sobre o terreo o primeiro grupo de estudantes. Un dos compoñentes detectou que parte dun fósil sobresaía dunha ladeira rochosa. Para sorpresa de todos os presentes, non só atoparan ósos fosilizados, senón que conservaban impresións da pel, un achado excepcional posto que menos do un por certo dos fósiles achados manteñen rastros da súa pel.
Tras unha observación máis minuciosa, os investigadores Brian Pickles e Caleb Brown afirmaron que estaban diante dos restos fósiles dun hadrosaurio, a familia de ornitópodos coñecidos como “dinosauros de pico de pato”. En concreto, da formación rochosa afloran partes da cola e dunha pata, nas que se poden observar os restos de pel fosilizada.
Os hadrosaurios eran herbívoros do Cretácico tardío que se expandiron por gran parte do mundo, nos actuais continentes de Asia, Europa, Sudamérica, Antártida e, por suposto, América do Norte, como segue testemuñando este novo espécime. O fósil descuberto está datado con 75 millóns de anos aproximadamente. A pesar de que temos un rico rexistro fósil dos dinosauros pico de pato, este novo achado é especial por varias razóns.
Segundo a posición da cola e a pata traseira do hadrosaurio, enténdese que o resto do corpo está orientado cara ao interior do outeiro, polo que os paleontólogos teñen depositadas moitas esperanzas neste fósil, que podería conservar o esqueleto completo baixo a rocha aínda por escavar.
As altas expectativas non son infundadas, pois se foi capaz de conservar incluso a pel, un elemento rarísimo nos fósiles dada a súa condición de materia branda e susceptible de descompoñerse por completo, é lóxico pensar que os ósos puideran fosilizarse na súa totalidade. Sobre todo, confían en poder extraer da rocha o cranio do fósil, un elemento indispensable para detectar a especie concreta de hadrosaurio á que pertencen os restos.
Doutra banda, o tamaño da cola e a pata indican que están diante dun espécime de tamaño menor, polo que podería tratarse dun individuo novo. Esta particularidade xunto co excepcional nivel de conservación, poden brindar unha información única acerca dos hadrosaurios, a súa fisonomía e o desenvolvemento do crecemento nestes animais extintos.
O Parque Provincial de Dinosauros destaca como un dos xacementos paleontolóxicos máis ricos do mundo. Situado na provincia canadense de Alberta, conta con máis de setenta quilómetros cadrados nos que se atoparon máis de corenta especies de dinosauros que viviron durante o Cretácico superior, hai entre 77 e 75 millóns de anos.
Máis de cen anos pasaron desde que se iniciaron as primeiras expedicións en busca de fósiles nesta zona. A UNESCO declarou o lugar como Patrimonio da Humanidade en 1979 e, desde mediados dos oitenta, todos os fósiles descubertos van parar ao Museo Royal Tyrrell, construído a cen quilómetros do xacemento para conservar, estudar e expoñer os restos.
Estes outeiros canadenses non deixan de regalar novas sorpresas como este novo hadrosaurio. Segundo os expertos, o nivel de conservación excepcional deste fósil puido deberse a que o dinosauro fose enterrado en menos de dous días despois da súa morte.
Con todo, esta rapidez de enterramento hai 75 millóns de anos contrasta co longo traballo que teñen por diante os expertos. Os traballos de recuperación do fósil comezaron, cubrindo con xeso e madeira os restos expostos para protexelos da intemperie. Os expertos prognostican meses ou mesmo anos de paciente traballo para extraer o fósil completo, pois van comezar a escavar desde a parte superior do outeiro na que se atopa o fósil. Estaremos atentos ao que estean por sacar de entre esas rochas.
FONTE: Fran Navarro/muyinteresante.es/ciencia
0 comentarios