Anomalías da temperatura en outubro / AEMET
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) vén de confirmar que o mes pasado foi o outubro máis cálido da serie histórica no Estado español, cuxo arrinque tivo lugar en 1961. Foi o outubro máis cálido, cunha temperatura media de 18 ºC. Tratouse do mes (non só outubro, senón de todo o ano) máis anomalamente cálido de toda serie, pois superou en 3,6 ºC a media normal. Incluso dez meses de verán desde 1961 (todos xuño) foron máis fríos.
“É moi pouco habitual que un mes teña unha temperatura 3 ºC superior á media normal. Esa cifra só se alcanzou, ou superou, en sete meses desde 1961, de 730 contabilizados. Catro destes meses son do últimos cinco anos e medio”, argumentan dende os servizos de comunicación da AEMET. Tamén o ano 2022 é, ata o momento, o máis cálido da serie histórica. A súa temperatura media entre xaneiro e outubro foi de 16,4 ºC. É un valor 1,6 ºC superior á media normal. Supera por 0,3 ºC a 2017 e por 0,6 ºC a 2020.
Outubro, ademais de extremadamente cálido, foi seco: as precipitacións apenas superaron as dúas terzas partes do normal. Así, tratouse do cuarto outubro menos chuvioso do século XXI. Persiste no noso país a seca meteorolóxica que nos acompaña desde o pasado inverno. E é que o outono non está a ser excesivamente xeneroso en choivas. As choivas acumuladas entre setembro e outubro están un 27 % por baixo do normal para estes dous meses. De feito, o ano 2022 está a ser moi seco. Levamos acumulados 355 l/m² (un 26 % menos do normal). Trátase, entre xaneiro e outubro, do cuarto ano natural con menos precipitacións desde o inicio da serie, en 1961. Só foron máis secos 1995, 2005 e 1983
Polo tanto, estamos ante o ano máis cálido e o cuarto máis seco da serie (xaneiro a outubro). Pero máis aló do dato puntual, é importante a tendencia:
- Sete do dez anos máis cálidos ocorreron desde 2011
- Cinco do dez anos máis secos tiveron lugar desde 2009
FONTE: gciencia.com/medioambiental
0 comentarios