ATOPADO O PÉ DUN MAMÍFERO NO ESTÓMAGO DUN DINOSAURO DE HAI 100 MILLÓNS DE ANOS
Agora que xa asimilamos que había dinosauros con plumas, máis parecidos a paxaros, agora, segundo os investigadores, temos probas concreta de que estes dinosauros comían mamíferos. Descubríronse especímenes do pequeno dinosauro Microraptor zhaoinus en cuxo interior había antigas aves, peces e lagartos, pero o achado do mamífero é a última fonte coñecida de proteínas para este intrépido cazador. O equipo da Universidade McGill en Canada, que estudou o fósil de Microraptor, publicou os seus achados na revista Journal of Vertebrate Paleontology.
O Microraptor viviu a principios do Cretácico, hai uns 100 millóns de anos, e atopáronse especímenes no que hoxe é o nordés de China. A rexión rica en fósiles denomínase Biota de Jehol, e os seus fósiles son un gran recurso para comprender matices da anatomía dos dinosauros pola súa boa conservación, así como detalles sobre os nichos ecolóxicos dos distintos animais.
Crese que Microraptor vivía nas árbores, planeando polos bosques cretácicos en busca de presas, tanto nas ramas como no chan. O espécime estudado recentemente é o holotipo, o que significa que foi o primeiro da súa especie en ser achado e bautizado no ano 2000. Con todo, recentemente volveuse a estudar e a nova análise revelou o pé de mamífero no seu estómago, un achado sen precedentes.
Os investigadores non puideron identificar a especie concreta de mamífero que comeu o Microraptor, pero a súa conservación permitiulles comprender o seu nicho ecolóxico e, neste caso, os seus depredadores. O equipo dixo que tiña similitudes coas morfoloxías de Sinodelphys, Yanoconodon e Eomaia, todas especies antigas de mamíferos primitivos que se parecían aproximadamente a zarigüeias ou roedores, e que tiña o tamaño dun rato moderno.
O contido dos intestinos dá moitos datos sobre a dieta dos animais fósiles, pero é raro estea ben conservado, e ademais é difícil pescudar se a «última comida» conservada representa a dieta normal do animal ou un acontecemento estraño e único que tivo a sorte de ser fosilizado.
O Microraptor parece ser unha excepción moi interesante a esa regra, con múltiples especímenes belamente fosilizados que conservan diferentes «últimas comidas», o que quere dicir que non era particularmente esixente, e comía todo o que se lle cruzaba por diante.
A análise do equipo descubriu que a vítima non era unha boa trepadora, o que indica que Microraptor podería baixar ocasionalmente ao chan do bosque para alimentarse. O pé aparece intacto, polo que sabemos que foi tragado enteiro.
FONTE: Baltasar Pérez/quo.eldiario.es/ciencia
0 comentarios