O PODER DE VALORAR AOS DEMAIS
Empoderada, de alegría contaxiosa e sorriso amplo, a actriz e artista multidisciplinar Mara Jiménez irrompeu hai uns anos nas redes sociais para poñer sobre a mesa temas como a gordofobia, a autoestima, a saúde mental ou os trastornos de alimentación. Abriu o seu perfil, Croquetamente, para compartir a súa experiencia cun TCA (trastorno da conduta alimentaria) e os seus problemas de autoestima e bullying. Ao pouco tempo creou un formato en clave de humor, viralizouse e hoxe é referente do movemento ‘body positive’. “Sinto que o humor é unha ferramenta moi poderosa que nos axuda moitas veces para comunicar cousas que, doutra forma, non somos capaces de comunicar”, recoñece Jiménez.
Formada en Teatro Musical na Escola Coco Comin de Barcelona e estudante de Integración Social, Mara Jiménez está inmersa en dúas producións teatrais: ‘Gordas’ e ‘Like, o musical’ e imparte charlas e talleres de divulgación. No seu primeiro libro, ’Acepta e voa. De odiarme a amarme sen medida’, describe a súa experiencia cun trastorno de conduta alimentaria e a súa loita contra a violencia, o ’bullying’ e a gordofobia.
Crítica coas interaccións maliciosas nas redes e consciente do poder e a responsabilidade que ten como creadora de contido, Mara Jiménez empéñase en mostrar tamén as sombras do que irradia Instagram ou Tiktok.“Esfórzome moito en mostrar as dúas caras para que a xente entenda que o que vemos nunha ‘narrativa’, ou nun ‘post’ ou nunha conta de Instagram non é a realidade”, sentenza.
0 comentarios