Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... COMO SE REPRODUCEN OS POLBOS

Os polbos (Octopus vulgaris) son un dos animais máis curiosos do medio mariño. Un dos aspectos que máis chama a atención destes moluscos é o seu curioso ciclo de vida, que dura entre 1,5 e 2,5 anos. De feito, os polbos femia morren tan só unhas semanas despois de que conclúa o seu primeiro e único proceso reprodutivo. Agora, un vídeo gravado nas augas das illas Cíes fai seguimento dunha femia, dende que é fecundada por un polbo macho, ata que un congro devora o seu cadáver meses despois.

A gravación, que divulga o proceso reprodutivo dos polbos de principio a fin, forma parte do proxecto Aquopus e conta coa participación do biólogo galego Álvaro Roura. O vídeo comeza explicando como o macho estende un dos seus oito brazos —o terceiro pola dereita— que está especialmente modificado para reprodución. Chámase hectocólito e introdúcese dentro do manto da femia para transferirlle paquetes de esperma. Cando entran en contacto da auga, estes paquetes estoupan e liberan os espermatozoides. Todo este proceso pode durar ata unha hora.

Cando chega o momento, a femia busca onde agocharse. No vídeo aparece escondida entre un muro de pedras e cunchas. Os mergulladores comproban coidadosamente a posta e confirman que hai centos de acios de ovos. A cor branca que se ve no vídeo indica que a femia os puxo moi recentemente. Neses intres, ela dedícase a limpalos e osixenalos continuamente, pois é capaz de poñer máis de 500.000 ovos, que colgan nos seus respectivos acios grazas a un pegamento especial que hai no teito da cova. Nos seguintes cinco meses á posta, a femia non se moverá nin comerá e vai perder máis do 50% da súa masa muscular.

Ao longo doutro mes, as paralarvas comezarán a eclosionar e o polbo femia abrirá unha pequena entrada do seu refuxio para que poidan saír nadando. Miden arredor de tres milímetros e van comezar a súa vida planctónica, nunha etapa que dura aproximadamente dous meses. Logo, asentaranse no fondo do mar para converterse en adultos. Mentres tanto, a femia continúa coidado os acios baleiros seguindo o seu instinto, pero o seu organismo continúa debilitándose. Unhas semanas máis tarde, o seu ciclo vital remata e, finalmente, congro devora o seu cadáver.

Espectacular!

FONTE: gciencia.com/medioambiental

0 comentarios