SABÍAS QUE... INVERNO NUCLEAR
Fungo nuclear sobre as illas Marshall, xerado nunhas probas do Exército de EEUU, o 25 de xullo de 1946 /AP PHOTO
O inverno nuclear é un fenómeno climático que describe a consecuencia do uso indiscriminado de bombas atómicas. Xurdiu no contexto da guerra fría, e predicía un arrefriado global debido ao fume estratosférico, que tería como consecuencia un colapso da agricultura e a ameaza de fames negras para a maioría da humanidade. Aínda que non se produciu o tan temido holocausto nuclear si parece que houbo certos efectos ocultos producidos polas probas nucleares.O proceso seguiría estes pasos: a bomba nuclear levantaría unha enorme nube de cinza e po que estaría en suspensión na atmosfera durante meses. Esta capa dificultaría ou impediría totalmente o paso da luz solar, o cal provocaría a morte dos seres vivos que realizan a fotosíntesis. Estes seres, os produtores, son o elo máis baixo da cadea trófica ou cadea alimentaria, co cal tamén se extinguirían os demais seres vivos: herbívoros, carnívoros e descomponedores. Ademais, o ambiente sería irrespirable, polo que moitos animais morrerían directamente, ao non poder efectuar a respiración.
A teoría xurdiu a partir dun estudo de Paul J. Crutzen e John Birks en 1982, que xa propuxeron que os incendios masivos que resultarían dun intercambio nuclear global e o fume que xerarían na capas baixas da atmosfera terían consecuencias notables sobre o clima. Owen B. Toon e Richard P. Turco analizaron as consecuencias do fume na estratosfera e acuñaron a expresión «inverno nuclear» en 1982, mentres que Vladímir Aleksándrov e Gueorgui Stenchikov levaron a cabo simulacións sobre modelos máis sofisticados en 1983. En parte como consecuencia destes estudos e outros relacionados con finais dos anos 1980, Ronald Reagan e Mijaíl Gorbachov iniciaron os tratados de desarmamento nuclear.
Nos anos 2000 fixéronse unha serie de estudos tendo en cuenta a redución planeada de armamento nuclear de Estados Unidos e a Unión Soviética (o Tratado de Reducións de Ofensivas Estratéxicas), e comparando as consecuencias dun intercambio dentro do arsenal permitido por ese contexto cun intercambio limitado entre potencias nucleares menores como India e Paquistán. No primeiro caso, supuxeron 4.400 explosións nucleares, que corresponderían a 440 megatones, 770 millóns de vítimas directas e 180 Tg (teragramos ou billóns de gramos) de feluxe. No segundo, pequenas bombas que sumasen 0.75 megatones e 44 millóns de vítimas directas producirían 6.6 Tg de feluxe. Segundo este estudo, aínda os intercambios atómicos máis modestos serían suficientes para producir efectos do mesma orde que a pequena idade de xeo ou o ano sen verán. O estudo tamén suxería que a alteración da temperatura da estratosfera mesmo neste caso podía ter consecuencias graves sobre o fluxo de gases, e en concreto reducións considerables na capa de ozono. O uso do arsenal ruso e estadounidense levaría a un descenso da temperatura comparable ou posiblemente máis acusado que o dunha glaciación, quizá durante unha década.
Imaxe gráfica do que podería ser un inverno nuclear / Rico Shen/es.wikipedia.org
Doutra banda, estes novos cálculos baseados en versións modernas de modelos climáticos predixeron unha vida media do feluxe cinco veces máis prolongada que a estimada nos anos 1980, o cal contribuiría a agravar e alongar as consecuencias sobre o clima.
Tal como están as cousas na Guerra de Ucraína non é descartable esta situación. Esperemos non chegara a esta situación, pero o mundo está cheo de loucos!
0 comentarios