A CAPITÁ DE FÚTBOL AFGÁ QUE CAMBIOU O SEU DESTINO
Khalida Popal naceu en Cabul (Afganistán) e, a pesar das violacións de dereitos humanos impostas polos talibán, medrou nunha familia progresista que impulsou e apoiou o seu soño: converterse en futbolista profesional. Nin os insultos, nin as pedras, nin o acoso impediron que constituíse e fose capitá da primeira Selección Nacional Feminina de Afganistán. Un equipo de fútbol que utilizou para dar voz ás mulleres silenciadas do seu país e gañar títulos deportivos.
Cando as ameazas de morte puxeron en perigo a súa vida e a da súa familia, viuse obrigada a fuxir de Afganistán e vivir como refuxiada en Europa. Desde alí contemplou con horror a segunda subida ao poder dos talibán en 2021, cando miles de persoas tentaban alcanzar as fronteiras e os avións para escapar dunha morte segura. Entre aqueles que estaban sinalados como obxectivos dos talibán atopábanse os membros dos equipos de fútbol femininos: nenas, mulleres e as súas familias que non sobrevivirían en Afganistán.
Popal liderou un equipo internacional de avogados, mediadores e ex xogadores que xestionaron as peticións de asilo en distintos países. Grazas a este esforzo colectivo, a través da gran familia deportiva mundial, conseguiuse salvar a vida de preto de 300 persoas.
Hoxe, a ex futbolista é a fundadora e directora da organización Girl Power, unha asociación que emprega o deporte para apoiar a refuxiados e migrantes, con actividades en toda Europa e Oriente Medio. Tamén colabora con Right to Dream, unha academia que ofrece oportunidades no fútbol e outros deportes aos mozos, e imparte conferencias na FIFA, UEFA, Nacións Unidas e Conferencias da Paz e Deporte para continuar a súa mensaxe sobre a defensa dos dereitos das mulleres. Esta é a historia de como un balón de fútbol e unhas botas impulsaron a igualdade en Afganistán.
0 comentarios