Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... POR QUE O CAFÉ QUÍTANOS O SONO?

A medida que vai transcorrendo o día gastamos enerxía e o ATP (molécula adenosín trifosfato, a moeda enerxética dos seres vivos) descomponse liberando como subproducto adenosina, un neurotransmisor que transmite información entre as células.

Canto máis tempo levamos espertos máis adenosina acumulamos, o cal se traduce en cansazo e na necesidade de durmir, posto que esta molécula é capaz inhibir a secreción de dopamina e noradrenalina.

Desde un punto de vista bioquímico a adenosina parécese bastante á cafeína (1,3,7-trimetilxantina), unha similitude que explica por que a nivel molecular compitan polos mesmos receptores cerebrais e, por tanto, free a aparición do cansazo característico dunha longa xornada laboral.

O seu descubrimento (hai máis de douscentos anos) debémosllo ao químico alemán Friedrich Ferdinand Runge, quen ademais acuñou o termo Kaffein, por estar presente no café. Esta substancia tamén se atopa nos refrescos de cola, nalgúns medicamentos, no té e, mesmo, no café descafeinado, iso si, en pequenas cantidades.

A cafeína non se acumula no organismo e permanece varias horas antes de ser eliminada polos ouriños; os seus efectos son estimulantes e dependen de varios factores, entre eles da cantidade consumida e do metabolismo propio de cada persoa, por iso o seu efecto non sempre é igual.

A nivel cerebral observouse que é beneficiosa para a cognición, mellorando o nivel de alerta e de atención visual. Calcúlase que os efectos da cafeína comezan a notarse entre os 10-15 minutos tras a inxesta, alcanzando o seu máximo efecto á media hora.

Agora ben, o organismo daquelas persoas que consomen cafeína con regularidade acábase adaptando ao seu efecto, de forma que xera unha cantidade de adenosina extra, polo que ao final necesítase máis cafeína para conseguir a mesma sensación de estar alerta. A adenosina, ademais, é a responsable que ao deixar de forma súbita o consumo de cafeína apareza unha sintomatoloxía similar á dunha síndrome de abstinencia.

Investigadores da Universidade de Colorado-Boulder (Estados Unidos) descubriron que a cafeína que contén un café expreso dobre atrasa o reloxo biolóxico en, aproximadamente, corenta minutos.

O acto de durmir é un limpador natural de adenosina, de forma que cando nos espertamos a sensación de cansazo desaparecese e sintámonos plenos de enerxía.

Un estudo da Xunta de Seguridade no Transporte descubriu que a sesta facía máis eficaces aos controladores aéreos, atopando o máximo de eficiencia cando a sesta era de vinte e seis minutos, unha cifra na que melloraba nun 34% o rendemento e reforzaba o estado de alerta ata un 54%.

Foi precisamente neste escenario de «sestas curtas e reparadoras» onde apareceu hai algúns anos os chamados coffe nap, que consisten en tomar unha cunca de café antes de durmir unha sesta dunha duración de non máis de vinte minutos.

Con iso conséguese que a sesta remate no momento que a cafeína inxerida pasou desde o intestino delgado ao cerebro e bloqueou os receptores de adenosina. Isto tradúcese, segundo o resultado obtido por un grupo de investigadores xaponeses, en que se cometan menores erros en probas relacionadas co desempeño da memoria e nos simuladores de condución.

FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia

0 comentarios