O SEGREDO PARA QUE OS TEUS FILLOS AMEN OS LIBROS
Como fomentar o hábito da lectura nos nenos? Miguel Salgas, doutor en Literatura e profesor, responde contundente: “Buscamos un lecer moi fácil que nos evada a cambio de moi pouco, vendo a tele, consultando o móbil ou xogando con el”. Pero engade: “Se estamos a dar este exemplo aos nosos fillos, é moi difícil que eles collan un libro”.
No seu último libro En plan lector: Sobrevivir á adolescencia sen deixar de ler Salas propón algúns consellos para axudar aos pais neste sentido: buscar momentos de lectura en familia, escoitar audiolibros no coche ou colocar un andel na habitación dos nosos fillos, co obxectivo de que constrúan a súa propia biblioteca desde pequenos. Para el, tamén existen causas sociais que afectan á lectura, porque “esixe de concentración, de profundización, de serenidade, de silencio… pero a sociedade na que vivimos fomenta o contrario: a dispersión, a multitarea e o cambio de foco na nosa atención, sobre todo por mor das pantallas”. Con todo, engade, “é importante lembrar que a lectura mellora a nosa atención”, especialmente nos nenos e adolescentes: “Estamos a ver serios problemas nos nosos alumnos para manter a atención e a concentración, algo moi preocupante”, explica. Miguel Salgas defende que ler fomenta a imaxinación, a evasión e a reflexión. Algo que considera indispensable nos tempos que vivimos: “Cando unha persoa está concentrada lendo, o 99% da súa interacción coa contorna bloquéase”. Por isto, “é unha das actividades máis relaxantes que existen”. Como apaixonado dos libros, sinala a necesidade de retirarnos de cando en vez a un mundo de imaxinación, aprendizaxe e goce, para poder cargar pilas e volver con máis enerxía ás nosas tarefas diarias. “Algo fundamental que todos necesitamos hoxe en día”, conclúe.
0 comentarios