COGOMELOS RAROS QUE SE ATOPAN EN GALICIA
Coa chegada ao outono, muda por completo todas as paisaxes. Ademais, trae unhas condicións meteorolóxicas idóneas para a proliferación destes fungos, polo que é a estación do ano na que máis especies agroman. Pero hai uns cogomelos moi particulares ou raros que podemos atopar en Galicia.
Vexamos algún!
1. DEDOS DO DEMO OU COGOMELO POLBO
Imaxina estar a camiñar polo monte e, de súpeto, atopar uns tentáculos de polbo pestilentes que parecen agromar da terra. Seguramente estás ante un exemplar de Dedos do demo ou cogomelo polbo, dous dos nomes comúns da Clathrus archeri. Nas súas primeiras etapas, estes fungos teñen unha estrutura ovoide, que nun primeiro momento está case enterrada no solo e logo comeza a abrirse pouco a pouco dando lugar a varios tentáculos, ao xeito dos dun polbo ou con aparencia de estrela de mar.
Ademais, aínda que é certo que o seu aspecto é sorprendente, tamén o é o seu particular cheiro. Este fungo desprende un intenso ulido que se asemella ao da carne ou marisco ao podrecer, o que é unha das claves da súa propagación. Aínda que esta especie é moi particular, nos últimos anos está a ser máis común atopala polos montes de Galicia e, en parte, é por esa pestilencia que atrae a numerosos insectos que se converten nos principais aliados para espallar as esporas.
Nos últimos anos, de feito, estase a denominar como “invasora” pola súa rápida expansión en certas áreas localizadas de Galicia. Non obstante, non hai aínda probas de que este cogomelo sexa invasor; “para que así fora, tería que estar modificando de xeito negativo as zonas nas que aparece. Polo momento, non semella que estea a desprazar outras especies, e a súa aparición en Galicia parece que está relegada a zonas alteradas polos humanos”, confirma Mauro Rivas, investigador da Universidade de Vigo (UVigo).
Continuará…
FONTE: Nadia Iglesias/gciencia.gal/medioambiental
0 comentarios