COGOMELOS RAROS QUE SE ATOPAN EN GALICIA X (FIN)
Remato coa serie adicada aos cogomelos moi particulares ou raros que podemos atopar en Galicia, que coa chegada ao outono as condicións meteorolóxicas son idóneas para a proliferación destes fungos, polo que é a estación do ano na que máis especies agroman.
10. PARASOL
Rematamos a serie cun cogomelo moi común en Galicia: O parasol, que nunca terá o problema dos niñais xa que destaca polo seu gran tamaño. A Macrolepiota procera, tamén coñecida comunmente como parasol, frutifica de verán a finais de outono en céspedes, prados ou xunto a camiños. Este particular fungo ten un pé moi fino e pode medir ata 40 centímetros. Normalmente mide uns 20-30 cm por 2-3 cm de ancho. É de cor crema pero ten unhas manchas atigradas marrón escuro que dan unha sensación de pel de serpe. A diferenza dos téntaculos de polbo, esta ten un cheiro moi agradable a froitos secos; lembra á noz ou á abelá.
É un fungo comestible que se pode engadir a múltiples receitas. Con todo, débese ter moito coidado xa que neste caso o tamaño vai ser a clave. Existen especies desta mesma familia que son de menor tamaño e que son tóxicas… e tamén perfectamente capaces de causar a morte a quen as consuma. Para poder diferencialas, unha característica particular desta especie é que teñen un anel dobre que, cando seca un chisco, pódese mover de arriba cara a baixo, e o pé ten un patrón cebreado en zigzag tamén moi característico.
Fin!
FONTE: Nadia Iglesias/gciencia.gal/medioambiental Imaxe: Wikimedia Commons
0 comentarios